Compostaxe doméstica, reciclar é coidar o planeta

Os beneficios que o sistema reporta, á parte dos propiamente ambientais, coa notable diminución das emisións de CO2 á atmosfera, non son poucos

En todo fogar xérase a diario unha enorme cantidade de residuos, polo que a práctica das tres erres (reducir, reutilizar e reciclar) debe incorporarse aos hábitos diarios.

Ademais de separar os envases lixeiros, o papel/cartón e o vidro, as vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo teñen a opción de compostar a súa propia materia orgánica, outro modo de reciclar que permite evidentemente fogares máis ecolóxicos e sostibles.

Os beneficios que o sistema reporta, á parte de coidar o planeta e xa que logo os propiamente ambientais, coa notable diminución das emisións de CO2 á atmosfera, non son poucos, pois se ve minorado o depósito nos colectores convencionais e vese reducida, polo tanto, a frecuencia de recollida e transporte.

O asunto, que redunda nun estilo de vida máis saudable, non é baladí e está en auxe, pois a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama) repartiu ata a data máis de 10.300 compostadores domésticos en distintos puntos de Galicia.

O proxecto intégrase dentro do programa Interreg V-A España Portugal 2014-2020 e conta coa participación de Sogama

Éstos, cunha capacidade de entre 340 e 350 litros e fabricados con materiais reciclados e reciclables, foron distribuídos grazas a un programa desta empresa pública ao que se adscribiron ata 299 entidades galegas, entre as que se atopan 186 concellos das catro provincias, 98 centros educativos e 15 colectivos sociais.

"Sogama non se limita unicamente á entrega destes medios materiais, senón que, para garantir o éxito da iniciativa, imparte cursos de formación presenciais destinados aos usuarios para que poidan aplicar a técnica de forma adecuada e teñan a oportunidade de resolver as súas dúbidas", sinala esta compañía impulsora.

En paralelo á organización destes seminarios, Sogama tamén fixo entrega así mesmo de manuais didácticos de apoio aos usuarios dos compostadores domésticos nos cales se explica de forma pormenorizada o proceso e proporciónanse as claves para dar resposta ás dúbidas máis frecuentes e corrixir posibles erros.

Os concellos facilitaron estes recipientes achegados por Sogama en suma a vivendas unifamiliares que dispuñan dun horto ou xardín que permitía aplicar o compost resultante e pechar o ciclo da reciclaxe da materia orgánica; os centros educativos, pola súa banda, quixeron formar parte de tal proposta para pór en valor a importancia de devolver á terra residuos orgánicos en forma de nutrientes.

Sogama forma parte, en calidade de socio, do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum

De xeito complementario, a entidade tamén ofrece a través dun portal web específico www.compostaconsogama.gal de utilidade e recursos divulgativos sobre a compostaxe; os concellos, á súa vez, comprometéronse a realizar un programa de seguimento co seu propio persoal.

Sogama destaca, de entre os beneficios da compostaxe doméstica, os relacionados coa propia contorna, co medio, tendo en conta que a materia orgánica producida nos propios fogares representa o 42 % da composición media dunha bolsa de lixo tipo.

Outra das cuestións positivas sen ningunha dúbida é que os usuarios evitan deste xeito a compra de fertilizantes artificiais, xa que se obtén un abono de primeira calidade con excelentes propiedades para o chan, e non deben desprazarse tanto aos colectores, tendo en conta que os residuos non utilizados para o compost, o non orgánicos, pódense almacenar varios días nas casas.

Ademais, esta iniciativa tamén estaría a recuperar unha práctica tradicional no rural galego: a segregación de residuos orgánicos para alimento do gando ou elaboración de compost, aínda que valéndose dun sistema que permite facelo dunha forma máis cómoda, hixiénica e loxicamente proporcionada.

Adicionalmente, Sogama forma parte, en calidade de socio, do proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Res2ValHum, que busca dar conta das vantaxes asociadas á recuperación da materia orgánica e as súas diversas aplicacións máis aló do ámbito agrícola e a mellora de chans, xa que ten potencial no ámbito da cosmética e accións terapéuticas diversas.

O proxecto intégrase dentro do programa Interreg V-A España Portugal 2014-2020 e conta coa participación mencionada de Sogama, así como da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Centro de Valorización Ambiental do Norte e, no caso de Portugal, da Universidade do Minho, en calidade de líder, o Centro de Valorización de Residuos (CVR), o Servizo Intermunicipalizado de Xestión de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e Valorización e Tratamento de Residuos Sólidos (BRAVAL).

Comentarios