Arrinca o Cumio de Bali, na procura dun substituto para Kioto

cambioclimatico_dentro.jpg
photo_camera cambioclimatico_dentro.jpg

En decembro de 1997, os países industrializados comprometíanse na cidade de Kioto a poñer en marcha un conxunto de medidas para reducir os gases de efecto invernadoiro. Dez anos despois, o protocolo agoniza. É tempo de buscarlle un substituto.

Con este cometido, funcionarios de case 200 países reuníronse na illa indonesia de Bali nun cumio que durará dúas semanas. Coa Conferencia de Bali arrincan formalmente as negociacións sobre cambio climático, que Nacións Unidas agarda que culminen cun acordo nos vindeiros dous anos.

As conversas centraranse nas medidas de axuda que deberán emprenderse nos países pobres para que afronten o quecemento global, así coma en se os tratados vinculantes son necesarios para reducir as emisións.

Acordo ambicioso
Política e ciencia danse a man na procura dun pacto mundial que consiga un descenso antes do 2015, unha pretensión que parte das previsións dos científicos de que o planeta quecerá por enriba do aceptable se non se fai nada ata daquela. Kioto caduca no 2012, e na illa indonesia búscase un acordo máis ambicioso para sustituílo dentro de catro anos.

Así as cousas, o responsable de Cambio Climático da ONU, Yvo de Boer, instou á comunidade internacional a valerse do Cumio para dar "pasos concretos" para frear o quedemento do planeta. Sorprendente foi a súa proposta, o pasado agosto, de pagarlles ós países pobres para que reducisen as súas emisións para non ter que preocuparse as nacións ricas de amainar as súas.

Movido pola tensión dun acordo máis ca necesario, De Boer recalcou na súa mensaxe de benvida que "precisamos de maneira urxente tomar acción". E aludiu ó último informe publicado polo IPCC (Panel Intergubernamental de Cambio Climático), no que se proxectaba un quecemento de entre 2 e 4 graos no vindeiro século.

As emisións, que deben baixar antes do 2015, proceden principalmente da queima de combustibles fósiles, que se acumulan na atmosfera e reteñen parte da calor que emite a Terra. O resultado: sobe a temperatura.

Apoio dos menos desenvolvidos
Un dos retos de Bali é conseguir que os países en desenvolvemento se unan á loita. Sen China, o país máis contaminante do mundo, sen a India e sen Brasil non se pode conseguir unha redución das emisións.

O Protocolo acordado en Kioto non os incluíu porque o seu consumo enerxético estaba moi por debaixo do rexistrado no primeiro mundo. O quecemento era consecuencia da acción países ricos, e non parecía xusto limitar o avance económico daqueles que non provocaran tal situación. Pero o panorama climático variou dende Kioto, e hoxe non pode afrontarse o problema sen a colaboración destas nacións.

Pero os países en desenvolvemento aproveitarán o Cumio para pedir axudas. Brasil, Ecuador ou Indonesia, que posúen grandes masas de bosque, queren cartos para mantelos e evitar a reforestación, responsable dun 20% das emisións. Pola súa banda, China esixe inversións en enerxías renovables, argumentando que contamina moito porque produce moitos produtos contaminantes que consome o primeiro mundo, coma o aceiro.

O escudo perfecto para os seus argumentos está na actitude dos Estados Unidos. Cada estadounidense emite cinco veces máis ca un chino e non se lles impuxo restricións algunhas.

Nesta liña, De Boer considera que un novo acordo que tampouco inclúa ós EE.UU "non ten sentido", aínda que non se agarda que Bush abrace desta volta a causa ecoloxista. O primeiro paso foi conseguir que o presidente norteamericano non negase unha realidade evidente: que o planeta quece, e quece rápido.

Comentarios