AGE acusa ao PP de ''descafeinar'' o informe final sobre as rías galegas da Eurocámara

A viceportavoz parlamentaria de AGE, Yolanda Díaz, esixiu hoxe ao PP que "deixe de exercer presións" no Parlamento Europeo para eliminar do informe final sobre as rías galegas que elabora unha comisión de europarlamentarios as referencias críticas á planta de gas de Mugardos e á contaminación da ría de Ferrol que figuraban no primeiro borrador.

Desde o BNG afirman que o PP pretende "descafeinar" o informe final cun "bloqueo" na Eurocámara para que "non moleste" á Xunta e ao Goberno central.

Díaz defendeu hoxe na comisión segunda de Ordenación Territorial e Medio Ambiente do Parlamento galego a inclusión desas referencias críticas que figuraban na primeira redacción pero que non aparecían na segunda versión.

"A diferenza na lectura de primeiro informe e do segundo é, cando menos, esperpéntica", dixo Díaz ao presidente da comisión, o popular Daniel Varela.

A viceportavoz de AGE referíase así á visita dun grupo de eurodiputados a Galicia o pasado mes de febreiro para comprobar o estado das rías.

A comisión elaborou en maio un primeiro borrador no que figuraban, segundo denunciou AGE, unhas liñas críticas coa localización da terminal de gas en Punta Promontorio, no interior da ría ferrolá, que carece de calquera sistema de depuración e presenta elevados niveis de toxicidade fecal.

"Eses contidos críticos e veraces", afirmou Díaz, "foron bloqueados polo PP".

"Resulta demasiado groseiro como para quedar escondido nun caixón", queixouse a líder de Esquerda Unida en Galicia.

Ás críticas de AGE sumanse tamén a nacionalista Ana Pontón.

"O BNG xa denunciou que era un sinsentido facer paseos marítimos en rías sen depurar", dixo, antes de afear ao PP que pretenda "descafeinar o informe (UE) para que non sexa molesto para a Xunta e o Goberno central".

A deputada socialista Patricia Vilán tamén apoiou os argumentos de AGE para que as críticas a Reganosa e a contaminación das rías galegas, en particular a de Ferrol, figuren no informe final da comisión europea. "Estamos absolutamente a favor", resumiu.

Foi rexeitada na votación final coa maioría do PP, que sumou 7 votos, fronte aos 5 de AGE, BNG e PSdeG.

Comentarios