Adega denuncia o recheo de pozas nas Catedrais

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia cualifica de "golpe á diversidade" esta acción
Playa de As Catedrais, en Ribadeo
photo_camera Playa de As Catedrais, en Ribadeo

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega) cualifica de "golpe á diversidade" o recheo de pozas na Zona Especial de Conservación (ZEC) da praia das Catedrais. Os conservacionistas indican nun comunicado que este lugar é unha "área prioritaria" para a avifauna ameazada da zona.

As pozas agora enchidas eran dúas canteiras abandonadas, "rexeneradas de forma natural e agora empozadas", e "das poucas zonas húmidas permanentes na rasa (plataforma) litoral da Mariña", indica Adega. Explica que entre as especies protexidas presentes nesas charcas cóntanse varias de anfibios, entre eles a Hyla arborea -agora Hyla molleri-, vulnerable segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e o Alytes obstetricans, que require protección estrita.

Recorda este colectivo que a costa de Ribadeo nesta zona rasa do litoral emerxida está considerada, ademais de ZEC, LIC (Lugar de Importancia Comunitaria), Monumento Natural (As Catedrais), ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) e Reserva da Biosfera (Oscos-Eo-Burón), unha área prioritaria para a avifauna ameazada por Resolución da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. "A riqueza ornitolóxica deste territorio atraía a moitos investigadores e visitantes, e agora perderanse dous humidais excepcionais nos que incluso aniñaban algunhas especies de aves ademais de acoller a outras en paso e invernantes", destaca Adega.

Comentarios