A Xunta sopesa pechar todo o edificio de Sanidade

Persiste o problema no aire, que causa malestar ao persoal

Edificio de Sanidade. J. VÁZQUEZ
photo_camera Edificio de Sanidade. J. VÁZQUEZ

LUGO. A Xunta exponse a posibilidade de pechar ao completo a delegación de Sanidade, situada na Rúa Montevideo, para dar solución ao problema no aire que xa provocou, fai máis dunha semana, o peche da terceira planta, onde se atopa a área de Microbiología do laboratorio de saúde pública de Galicia. Polo menos dous traballadores seguen de baixa e outros se queixan dos mesmos síntomas cando se atopan no inmoble: picor de ollos, lingua pastosa e metálica. Nalgúns casos, danse tamén problemas dermatológicos, dixestivos e respiratorios, cunha sensación de dificultade para tomar aire que desaparece cando se sae do edificio.

Responsables da Consellería reuníronse o luns con directivos da delegación de Sanidade para abordar a cuestión e, segundo algunhas fontes, recibiron a demanda de que se dea solución ao problema en 48 horas e, se non é posible, que se peche o edificio. As indicacións ao persoal é que este martes acuda a traballar pero que contará con permiso expreso para marcharse se se empeza a atopar mal. Moitos traballadores xa tiveron que saír o luns da delegación ante un malestar que perciben que vai en aumento e que nin manter as fiestras abertas durante toda a xornada consegue aplacar.

Convocouse ao persoal a traballar este martes, pero con permiso expreso para marcharse se se empeza a atopar mal

Os primeiros problemas empezaron a darse hai case cinco anos, cando se fixeron obras na terceira planta para ampliar o laboratorio, que pasaba a ser o de referencia para toda a comunidade galega. Inicialmente, foron traballadores desa planta os que percibían malestar, con picor de ollos e problemas na pel, pero pronto se foi estendendo a outras zonas do inmoble.

Sanidade asegurou a semana pasada que se pechaba o terceiro piso para «minimizar así o risco de contacto do persoal do laboratorio coas posibles sustancias alergénicas», algo que achacou a problemas «estruturais relacionados coa evacuación de augas residuais».

O certo é que non está claro que sustancias son as que están a causar eses síntomas, que algúns traballadores describen como un cadro de sensibilidade química. Unha empresa viguesa está a realizar medicións e examinando as instalacións para dar coa orixe do problema.

Sanidade empezou a facer un selado e limpeza de arquetas hai dez días e confiaba en reabrir a terceira planta estes días, o que non parece xa posible.

Comentarios