A Xunta retoma as obras do centro integral de saúde da Residencia

Os traballos, cun orzamento de 12 millóns e un prazo de 20 meses, céntranse agora na demolición de estruturas interiores do antigo Materno
Trabajos en el antiguo Hospital Materno Infantil de Lugo. XUNTA
photo_camera Traballos no antigo Hospital Materno Infantil de Lugo. XUNTA

A Xunta de Galicia reiniciou as obras de rehabilitación e reforma do antigo Hospital Materno Infantil de Lugo, dentro do complexo do que era o Xeral, para habilitar nese edificio o primeiro centro integral de saúde que funcionará na comunidade.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou de que as obras se retomaron "unha vez transcorrido o período de suspensión das actividades non esenciais". Os traballos comezaran "apenas un mes antes da suspensión", polo que "aínda están na primeira fase", que consiste na "demolición das estruturas interiores" do edificio para a creación de novos espazos, adaptados ás necesidades do centro integral de saúde.

"Desde o pasado martes, os operarios continúan cos labores de derriba de tabiques e retirada de cascallos e outro material, aínda que se extremaron as medidas de precaución, como o uso de máscaras e o respecto das distancias de seguridade", explica o Executivo galego. O proxecto conta cun orzamento de 12 millóns de euros e o prazo de execución previsto é de 20 meses.

Comentarios