A Xunta propón unha reunión da comisión de intermodal de Lugo o vindeiro mércores

O obxectivo do encontro é "desbloquear" o proxecto
Representación de la futura intermodal de Lugo. AEP
photo_camera Representación da futura intermodal de Lugo. AEP

A Xunta propuxo para o vindeiro mércores unha reunión da comisión de seguimento da estación intermodal de Lugo, co obxectivo de "desbloquear o proxecto" no que, ademais da Xunta de Galicia, interveñen o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, a través de Adif, e o Concello de Lugo.

Segundo informa a Xunta nun comunicado, a consellería de Infraestruturas e Mobilidade propuxo ao Concello de Lugo e Adif que a reunión técnica teña lugar o vindeiro mércores 24 de marzo ás 10 da mañá.

No encontro, o Goberno galego reiterará as súas propostas para resolver o problema que mantén bloqueada a colaboración entre administracións para a promoción conxunta da estación intermodal de Lugo, que ten que ver con "o financiamento do aparcadoiro subterráneo previsto por Adif para as necesidades da nova estación de ferrocarril e que se prevé que se sitúe debaixo da estación de autobuses".

Para a Xunta de Galicia, a mellor opción é que o Ministerio de Transportes, a través de Adif, financie esta infraestrutura con fondos europeos de reconstrución ante a pandemia do covid-19.

Ademais, como alternativas, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reiterará a súa proposta de "contribuír cun 10 por cento do custo da obra" ou que o aparcadoiro se execute en superficie, o que reduciría "considerablemente" o custo da obra. 

As propostas xa foron trasladadas pola Xunta a Adif o pasado mes de outubro, sen que, até o momento, o administrador ferroviario haxa presentado proposta.

Ao encontro emprazado o mércores tamén asistirán técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, co obxectivo de trasladar, unha vez máis, información sobre o procedemento que debe seguir o Concello de Lugo para descatalogar o edificio de Correos que Adif ten previsto demoler para construír o novo edificio ferroviario. 

Comentarios