A Xunta nega que vaia diminuír a oferta de graos universitarios en Lugo

Balseiro sinala, ante as críticas do PSOE, que o que se está levando a cabo é "un proceso de readaptación das titulacións para adecualas ás novas demandas da sociedade"

José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ
photo_camera José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, aclarou este mércores que "non diminuíu nin vai diminuír" o número de graos universitarios que se imparten na actualidade no Campus Terra, de modo que negou "a posibilidade de calquera recorte na oferta educativa" da Universidade de Santiago de Compostela.

Balseiro lamentou que o Partido Socialista instalouse na provincia de Lugo nunha "espiral de mentira" en relación con este tema, ademais de engadir que os socialistas, coa súa actitude, "só buscan xerar alarma e incerteza sobre o futuro das titulacións do Campus Terra, un dos espazos de maior prestixio do sistema universitario".

O que está en marcha, aclara Balseiro, é "un proceso de readaptación das titulacións para adecualas ás novas demandas da sociedade e reforzar o alumnado, tal e como se acordou en marzo de 2017 entre a Consellería e o Sistema Universitario de Galicia".

"O único obxectivo" –insistiu Balseiro– "é reforzar o Campus Terra e atraer alumnado mediante a oferta de titulacións singulares e cun perfil profesional de futuro".

Ademais, Balseiro precisou que calquera decisión que se adopte non será, en ningún caso, para este curso.

Tamén aclarou que sempre será "acordada coa universidade" e coa idea de ofrecer "máis oportunidades e non menos".

Comentarios