A Xunta di que Adif non pediu permiso a Patrimonio para as obras na ponte da Chanca

Os traballos contemplan de construción dunha plataforma, voladizos, catenarias e paseos de servizo laterais

Puente de A Chanca. AEP
photo_camera Ponte da Chanca. AEP

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, negou este martes que en Patrimonio se recibise documentación por parte de Adif para remodelar a ponte da Chanca, do século XIX, co fin de que poida asumir o paso de trens de alta velocidade pola cidade de Lugo. 

Balseiro desmentiu así a Adif. Dado que esta ponte é un ben protexido necesita permiso de Patrimonio da Xunta para levar a cabo as obras que se contemplan de construción dunha plataforma, voladizos, catenarias e paseos de servizo laterais. 

O delegado da Xunta mostrouse sorprendido por outra "mentira" que, ao seu xuízo, "é preocupante" por parte do Executivo presidido por Pedro Sánchez. "Eu teño que dicir que a día de hoxe non hai ningunha solicitude nin para a ponte da Chanca, nin para nada que se lle pareza en Patrimonio por parte do Goberno do Estado", deixou claro. 

Así mesmo, recomendou ao Goberno central que "antes de falar miren os documentos". Apunta que tras a negativa a un xulgado do social para Lugo agora "pasa o mesmo sobre a ponte da Chanca". 

"Este goberno foi unha desgraza para este país, foi un goberno de desgrazas nos poucos meses que tivo, pero nestes últimos momentos cando falen de Lugo e falen desta provincia, eu en nome dos lucenses rogaríalles que dixesen a verdade e que cando menos mirasen a documentación", concluíu. 

O BNG PIDE CONVERTER A PONTE NUNHA VÍA VERDE. O portavoz do BNG en Lugo, Rubén Arroxo, propón estudar a posibilidade dun novo trazado de ferrocarril e converter a ponte da Chanca nunha vía verde.

Para o Nacionalista, é "necesario" un novo trazado que conte cunha ponte de alta capacidade que soporte vía dobre "para que a modernización do ferrocarril sexa posible". "Isto é prioritario sobre os anteproxectos de intermodais", dixo. 

Arroxo destacou que a ponte da Chanca "é un elemento patrimonial e así debemos consideralo e atendelo dun modo especial ao que se fixo coa ponte romana". para iso, propoñen que, "unha vez solucionado tecnicamente un trazado alternativo para o tren", a ponte se converta nunha vía verde que unha a cidade coa zona de Castelo.

Comentarios