Así será a gran praza pública de 6.000 metros na estación do bus

A conselleira de Infraestruturas anunciou que o proxecto se executará tras a construción da nova terminal que irá á beira da de ferrocarril
photo_camera Así quedará a Praza da Constitución. EP

A construción da estación intermodal non só cambiará a fisionomía urbanística do barrio do Sagrado Corazón, senón tamén a da céntrica Praza da Constitución da capital lucense. Cando se edifique a nova terminal de autobuses á beira da do ferrocarril, derrubarase a actual, que se atopa nas inmediacións da muralla romana, e acondicionarase un gran espazo público cun intercambiador de autocares.

Esa futura praza, duns 6.000 metros cadrados de superficie, disporá de zonas de paseo, mobiliario urbano, xardíns e un parque de xogos infantís, así como unha parada con marquesiña desde a que partirán e chegarán buses que enlacen coa estación intermodal, que se situará a menos dun quilómetro de distancia.

A transformación urbanística desta zona céntrica da cidade incluirase no proxecto da nova estación de autobuses, na que se prevé investir uns catro millóns de euros. Antes dun mes licitarase a súa redacción, que terá un custo próximo aos 200.000 euros.

Estes anuncios foron feitos públicos este luns pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, durante unha rolda de prensa que ofreceu na delegación territorial da Xunta en Lugo, xunto ao seu titular, José Manuel Balseiro.

A conselleira de Infraestruturas destacou que esta nova dotación "conxuga tres funcións: unha social, dun gran espazo de lecer; outra económica, para fomentar o comercio pequeno que está na actual estación, e unha vertebradora e de mobilidade, construindo un intercambiador".

Vázquez aproveitou para darlle tirón de orellas a Adif e ao Concello de Lugo por non responder á propiesta de convenio para a execución da intermodal

Ethel Vázquez engadiu que esta iniciativa contribúe a facer "cidade" e que permitirá desprazarse de forma cómoda desde o centro da capital lucense ata a futura intermodal, grazas a un intercambiador con autobuses lanzadeira que comunicarán ambas as infraestruturas.

O espazo de lecer que ocupará o lugar da estación de autobuses. EP

NEGOCIOS. A conselleira quixo deixar claro que a Xunta será "sensible" cos empresarios que teñen locais en funcionamento na actual estación de autobuses, pois teñen unha concesión outorgada. Entre as solucións que se estudarán, segundo dixo, será buscar unha localización nesa futura gran praza.

Na terminal que se atopa na Constitución están abertos agora, entre outros establecementos, un restaurante, unha barbería, unha florería, unha administración de loterías e unha sala de xogos.

Ethel Vázquez eludiu referirse por agora aos prazos en que poida estar lista esa gran praza pública, debido a que dependerá de cando se execute a estación intermodal -en colaboración con Adif e Concello-, nin ás partidas económicas, a expensas de que se redacte o proxecto.

Dixo, por outra banda, que para acondicionar ese céntrico espazo público solicitará as suxestións do goberno local.

Ethel Vázquez e Balseiro. SEBAS SENANDE

Comentarios