A Xunta finalizará esta semana as obras da escola infantil Sagrado Corazón

Investiu 42.000 euros nunhas actuacións que melloran o illamento e a eficiencia enerxética do edificio
José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ
photo_camera José Manuel Balseiro. J.VÁZQUEZ

A Xunta prevé finalizar esta semana as obras de mellora na escola infantil Sagrado Corazón de Lugo, onde se está substituíndo a carpintería metálica existente, constituída por perfís de aluminio simple e fiestras corredeiras, por fiestras de PVC abatibles con cristais dobres. A Administración autonómica investiu 42.000 euros nunhas actuacións que repercutirán nun importante aforro enerxético.

Estas obras, segundo explicou este mércores o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, "inclúen tamén o cambio da galería de aluminio existente por unha de PVC". "Con esta intervención conséguese unha mellora significativa no illamento e, xa que logo, na eficiencia enerxética do edificio", dixo.

Balseiro destacou que a Xunta traballa co obxectivo de que os nenos teñan as mellores instalacións, "favorecendo ambientes adecuados ás súas necesidades".

Nese sentido, o delegado territorial recordou que a Consellería de Política Social acaba de abrir o prazo de presentación de solicitudes para a concesión de axudas para a mellora das infraestruturas e equipamento de escolas infantís e puntos de atención á infancia.

"Esta convocatoria ten un crédito total de 712.000 euros, para subvencionar tanto as obras menores de adecuación e mellora das infraestruturas, como obras novas que non precisen de proxecto técnico e melloren a accesibilidade ou doten o edificio de servizos necesarios", precisou Balseiro. 

Comentarios