Unha vítima de violencia machista denuncia que non foi avisada da saída de prisión do seu agresor

O protocolo establece que cuando un reo destas características sae do centro penitenciario debe darse aviso á vítima, ao seu avogado e á Policía

A Xunta de Galicia estudará a denuncia formulada pola asociación Si, hai saída en relación a unha muller vítima de violencia de xénero de Lugo que, supostamente, non foi informada da saída de prisión do seu agresor, ao que atopou na rúa. Así o indicou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, ao ser preguntada por este caso e tras ratificar que ao seu departamento preocúpanlle "cada unha das vítimas".

López Abella recordou que o protocolo establece que Institucións Penais será o organismo encargado de informar da excarceración destes agresores, para que as forzas e corpos de seguridade do Estado poidan informar as vítimas. Por iso, a Xunta non participa directamente deste protocolo.

En todo caso, e tendo en conta a necesidade de apoiar ás vítimas, a secretaria xeral indicou que a Xunta estudará e analizará "o motivo" polo que a muller non foi informada da saída do cárcere do seu agresor.

FONTES XUDICIAIS. Foi a presidenta da asociación Si, hai saída a que informou este martes deste caso, no que, segundo as súas palabras, a vítima atopouse pola rúa en Lugo co seu agresor, descoñecendo que este saíra de prisión.

Sobre este caso, fontes xudiciais explicaron a Europa Press que o xulgado ditou este luns un auto de posta en liberdade do home, ao cumprirse os dous anos de prisión preventiva que pode haber como máximo neste caso.

Iso notificouse ás 11,51 horas á procuradora da vítima, recepción aceptada ás 11,53 horas, precisan as mesmas fontes xudiciais, que engaden que ata as 13,00 horas non se enviou o mandamento á prisión correspondente de posta en liberdade.

O xulgado acordou, ademais, manter "todas as medidas de protección" da vítima, polo que as mesmas fontes xudiciais puntualizaron que se a muller se atopou co seu presunto agresor na rúa, tería que denuncialo á Policía porque incorrería en "quebrantamento" dunha medida xudicial.