A Xunta espera a chegada dunha segunda gaiola para capturar xabarís en Lugo

Balseiro explicou que se rozaron parte das leiras que xestiona a Xunta para reducir os espazos que utilizan os animais como refuxio nas inmediacións

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, informou de que "nos próximos días" a Consellería de Medio Ambiente recibirá unha segunda gaiola para situala na contorna de Lugo capital, nos lugares de paso dos xabarís para capturar algúns exemplares desta especie.

Balseiro precisou á prensa que a Delegación Territorial xa ten unha gaiola preparada e espera recibir unha segunda en breve para colocalas en zonas de Lugo onde se detectou que a presenza desta especie é máis frecuente.

En canto á localización das gaiolas, comentou que o lugar de colocación das mesmas é unha decisión de carácter técnico, ademais de concretar que non se fará pública a súa localización, dado que os xabarís son animais cun fino olfacto e a presenza de humanos nesa contorna faría totalmente inútil a instalación das trampas.

Por outra banda, o delegado territorial tamén confirmou que a Xunta de Galicia xa rozou parte das leiras que son da súa titularidade ou que xestiona mediante convenios para reducir os espazos que utilizan os xabarís como refuxio nas inmediacións de Lugo capital, tal e como se comprometeu na reunión celebrada hai unhas semanas con representantes do sector agrogandeiro e do Concello de Lugo, entre outros colectivos.

Recoñeceu que aínda quedan algunhas pendentes, pero asegurou que se segue traballando, do mesmo xeito que tamén o está facendo o Concello de Lugo naquelas que son da súa competencia, para reducir ao máximo os lugares que utilizan os xabarís para encamar na contorna da cidade.

Dáse a circunstancia de que os xabarís volvían pasearse esta fin de semana polo centro de Lugo e un grupo de polo menos tres exemplares, todos de gran tamaño, foron fotografados e gravados en vídeo por condutores e viandantes ao seu paso pola Fonte dos Ranchos e a Ronda do Carme.  

Comentarios