A Xunta entrega á federación de veciños 100 colectores para reciclaxe doméstica

Sogama impartirá cursos de formación para explicar como usalos

_03E5660
photo_camera Presentación dos colectores de compostaxe. SABELA FREIRE

A consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda entregou onte 100 colectores de compostaxe á federación de asociacións veciñais de Lugo Lucus Augusti, que confirma a súa adhesión ao programa de compostaxe doméstica impulsado pola administración galega a través de Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente).

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que o programa tamén implica recibir un curso de formación para instruír aos participantes na xestión de residuos. Tratarán aspectos como onde localizar o compostador —no exterior da vivenda, protexido das inclemencias do tempo e en contacto directo coa terra—, o control de parámetros que inflúen na compostaxe —osíxeno, temperatura ou humidade—, así como a relación de desperdicios que deben, ou non, depositarse no compostador.

Ademais, os socios da federación de veciños recibirán manuais didácticos nos que se detalla a dinámica que deben seguir para obter un compost de alta calidade. A compostaxe é unha práctica que evita que a materia orgánica xerada nos fogares acabe no colector verde, xunto cunha chea de lixo xeral, xa que a maioría da poboación cando non sabe onde tirar algo, deposítano aí. Estes colectores danlle unha segunda oportunidade como abono natural.

As persoas interesadas en informarse sobre esta técnica poden recorrer ao sitio web www.compostaconsogama.gal, co que se pretende difundir entre a poboación as vantaxes tanto ambientais como económicas e sociais da compostaxe doméstica.

Comparando o primeiro semestre de 2020 (ao non ter aínda os datos deste ano) co ano prepandemia, 2019, incrementouse a achega á reciclaxe da bolsa amarela e baixou lixeiramente a produción do residuo convencional, a bolsa negra. Estes colectores de compostaxe de 400 litros poderían axudar aínda máis a reducir este último tipo de lixo, e darlle unha segunda vida aos residuos.

Na entrega no día de onte participou o delegado territorial da Xunta xunto co presidente de Sogama, Javier Domínguez, e o da asociación veciñal, Jesús Vázquez. Con esta iniciativa promoverase a práctica do autocompostaje por parte dos colectivos adscritos á federación mediante as asociacións provinciais.

Actualmente un total de 83 entidades da provincia de Lugo forman parte do programa de autocompostaje xestionado por Sogama: 44 concellos, 29 centros educativos e 10 colectivos sociais, que levan recibido 3.500 colectores de compostaxe de xeito gratuíto.

Comentarios