A Xunta di que o Concello de Lugo non pediu as axudas para o centro e Sagrado Corazón

A partida sería para as vivendas dos barrios lucenses

José Manuel Balseiro.XESÚS PONTE
photo_camera José Manuel Balseiro.XESÚS Ponche

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, dixo este mércores que Lugo non recibirá axudas este ano por parte da Administración autonómica para a rehabilitación de vivendas nin no centro histórico nin no Sagrado Corazón —as dúas áreas de rehabilitación integral recoñecidas na cidade—, porque o Concello "renunciou a renovar o convenio" en outubro.

Segundo Balseiro, a renuncia a asinar ese convenio, do mesmo xeito que sucede en Sarria, tamén impide que os veciños con vivendas próximas aos camiños de Santiago poidan beneficiarse da liña de axudas específicas habilitada pola Xunta de Galicia para fomentar a rehabilitación de inmobles nas inmediacións das rutas xacobeas.

Desde o seu punto de vista, a postura do goberno local de Lugo "non ten xustificación politicamente", porque só poderán activarse na cidade as "cantidades que queden pendentes de execución do convenio anterior".

Recordou que son axudas que poderían sumar na cidade de Lugo ao redor duns 800.000 euros, dado que poden chegar a subvencionar o 50% do investimento realizado polos particulares.

"Se fose alcalde, o que faría sería solicitar esas axudas", engadiu Balseiro, porque dese modo " aos veciños que queiran rehabilitar as súas casas custaríalles menos".

"Non se cal pode ser o argumento para renunciar a esas axudas", insistiu o delegado da Xunta, quen atribuíu esta situación "á falta de traballo do goberno local".

Comentarios