A Xunta destina 2,6 millóns de euros para 350 empregos na provincia de Lugo 

Estes contratos realizaranse ao amparo dos programas Aprol Rural, con 120 contratados, a través da Risga para 119 contratacións e para ocupar a 110 socorristas con 342.000 euros

José Manuel Balseiro.XESÚS PONTE
photo_camera José Manuel Balseiro.XESÚS PONTE

O delegado da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, destacou este luns o investimento de 2,6 millóns de euros por parte da Administración autonómica para 350 empregos na provincia de Lugo. 

Balseiro fixo fincapé en que o Goberno galego é a "administración que máis esforzo realiza en materia de creación de emprego" na provincia luguesa. 

Así o comentou na presentación da "resolución dos programas de emprego" que vai supor "mobilizar" 2,6 millóns de euros para a contratación de 346 lucenses. 

Estes contratos realizaranse ao amparo dos programas Aprol Rural, con 120 contratados e 1,3 millóns de euros, a través da Risga para 119 contratacións e un investimento de 996.000 euros e para ocupar a 110 socorristas con 342.000 euros. 

En Aprol Rural as contratacións serán por nove meses, en 56 concellos; da Risga por sete meses en 37 concellos, e os socorristas dous meses en 36 municipios da provincia. 

Coa suma de todos os programas de emprego, Balseiro asegurou que a Xunta "lidera as iniciativas de emprego na provincia, e faino ademais dun sistema de cooperación coas administracións locais". 

"Un sistema que implica un triplo beneficio; o consecuente aforro para as facendas locais, a garantía de que as ocupacións solicitadas responden as necesidades reais dos concellos e premiamos a creación de emprego naqueles concellos que apostan por sector forestal", debullou.

INTERMODAL. Así mesmo, o delegado da Xunta en Lugo volveu a afear, con respecto ao borrador para a intermodal, cun investimento previsto de 6,5 millóns de euros, que non se produciu aínda unha resposta "desde hai dous meses" por parte do Concello. 

Neste sentido, aferrouse, tras a resposta do goberno local de que "non daban situados os terreos", a que "se hai vontade de asinar o convenio, os terreos son os que ten ADIF (na estación de ferrocarril)". "Se houbese vontade en dous meses houbo máis que tempo suficiente para dá resposta. Nós imos esperar por si temos que facer algún tipo de aclaración", abundou. 

Con todo, apelou ao investimento "de 6,5 millóns de euros". "Investimentos que supoño que o Concello non as ten todos os días, se vén un investimento desas, asinar un convenio lévalle un par de meses, para dúas infraestruturas básicas como é a estación do tren e a estación do ferrocarril, imaxínense se falamos de asfaltar unha rúa ou da licenza dunha obra dun particular", concluíu. 

Comentarios