Declarada BIC a colección de Álvaro Gil, do Museo Provincial de Lugo

O Executivo galego cualifica estas pezas de xoiería como "un expoñente das distintas formas e técnicas empregadas na elaboración de xoiaría pre e protohistórica do noroeste peninsular"
Varios torques de la colección de Álvaro Gil
photo_camera Varios torques de la colección de Álvaro Gil

O Consello da Xunta aprobou este xoves o decreto polo que declara Ben de Interese Cultural (BIC) a colección de xoiería de Álvaro Gil Varela, que pertence ao Museo Provincial de Lugo. Trátase dun conxunto de pezas que son "un expoñente das distintas formas e técnicas empregadas na elaboración de xoiaría pre e protohistórica do noroeste peninsular", destaca o Executivo galego nun comunicado.

Nesta mesma liña, explica que esta colección é "unha fonte única de coñecemento histórico para o estudo da tecnoloxía e a sociedade destes períodos cronolóxicos en Galicia". A Xunta recorda que a declaración BIC, que contou cos informes favorables da Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega e a Facultade de Xeografía e Historia da USC, garante a "máxima protección e tutela para esta colección".

A colección está composta por 44 xoias, 43 de ouro e unha prata, que presentan, na súa maior parte, " formas e tipos característicos da ourivaría prerromana do noroeste peninsular e que abrangue un amplo período que vai dende ou Bronce inicial ata a ocupación galaico- romana no século II d.C.".

Entre as numerosas pezas, a Xunta destaca o colar de Chaos de Barbanza, a mostra máis antiga de xoiería protohistórica do noroeste peninsular. Tamén as gargantillas de tiras de Monte dos Mouros, así como aros, brazaletes e pulseiras.

O Goberno galego incide no carácter castrexo desta colección, fronte a outras doutras zonas do Estado, que está representada en pulseiras, adornos de pelo ou torques, como o de Burela.

Así mesmo, destaca que o feito de que practicamente a totalidade das pezas estean elaboradas en ouro "supón que a colección teña un valor material de seu engadido ao de por si excepcional valor como fonte de coñecemento histórico".

"O carácter senlleiro desta colección radica nos seus aspectos arqueolóxicos, históricos e artísticos, así como a calidade das pezas e o seu estado de conservación", engade a Xunta nun comunicado.