A Xunta afirma que hai casa para "todos" os bonos de aluguer social ou están en prazo de achala

Apuntan a que en Lugo "só" coñecen un único caso no que lles resulta "difícil" atopar unha vivenda, aínda que "non quere dicir que finalmente non o consigan"

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda garante que o Bono Aluguer Social —axudas ao aluguer da Xunta— foi concedido "a todos os que reunían os requisitos" e que "todos" os beneficiarios ou "teñen vivenda" ou están "dentro do prazo" de presentar un contrato. Deste xeito responde o departamento do Goberno galego dirixido por Ángeles Vázquez á denuncia manifestada este mesmo venres pola portavoz de Stop Desafiuzamentos Lugo, Mina Galván, quen asegurou que a xente co plan aprobado "non atopa" vivenda. 

"Na Xunta din que é unha garantía, pero non é verdade porque cando saben que tes un bono de aluguer social saben que es vítima dun desafiuzamento e é máis difícil. Isto pasa por non ter un parque de vivendas sociais", subliñou Galván.  Así, fontes da Consellería aseguraron a que, segundo datos do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), "en todos os casos tramitados nos que se concedeu o bono social, as persoas beneficiarias presentaron o contrato de aluguer ou aínda están en prazo para poder facelo". 

Ademais, apuntan a que en Lugo "só" coñecen un único caso no que lles resulta "difícil" atopar unha vivenda, aínda que iso "non quere dicir que, dentro do prazo, finalmente non o consigan". No entanto, a Consellería reivindica que esta dificultade "non ten que estar relacionada necesariamente coa propia situación da familia", senón que poden influír incluso "outro tipo de factores". 
 

Comentarios