A Xunta activa un plan para que a muralla estea limpa de maleza en Arde Lucus

Contempla a retirada da vexetación do adarve e do chan dos cubos

Luminarias en el adarve. J. VÁZQUEZ (ARCHIVO) muralla de Lugo
photo_camera Luminarias no adarve. J. VÁZQUEZ

A Consellería de Cultura e Turismo activou "un plan especial" para que a muralla de Lugo, monumento declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco, mostre a súa mellor cara ás decenas de miles de visitantes que se achegarán esta fin de semana á capital lucense para gozar do Arde Lucus, a festa que evoca o pasado romano da cidade e que foi declarada de Interese Turístico Nacional.

Ese plan "especial" do que informou a Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo inclúe a "retirada da vexetación existente" no propio adarve da Muralla e no chan dos cubos, para que lucenses e visitantes queden coa mellor imaxe posible do monumento.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, confirmou que tamén se comprobará o bo funcionamento de todas as luminarias da muralla e a reparación daquelas que estean danadas, dado que a Consellería de Cultura e Turismo autorizou a celebración dunha marcha nocturna, que enfrontará a romanos e castrexos, e que terá lugar día 14 de xuño.

Nese sentido, precisou que xa están a traballar operarios da empresa concesionaria das obras de conservación da muralla -Resconsa- para retirar de forma manual a vexetación do adarve, ademais de comprobar o bo funcionamento do sistema de iluminación.

CRÍTICAS AO CONCELLO. Lamentou, en todo caso, "a tardanza do Concello de Lugo en outorgar a licenza municipal para executar as obras de conservación e mantemento do monumento, incluída a aplicación de herbicidas para controlar a xerminación das especies vexetais".

Durante a pasada edición do Arde Lucus pasaron pola cidade de Lugo uns 600.000 visitantes, unha cifra que o Concello espera igualar ou superar este ano, dado que a ocupación hostaleira roza o 100% a dous días do inicio da festa.