A Xunta achegou máis de 421.500 euros ás asociacións de veciños de Lugo no ano 2022

A nivel autonómico, a contía elévase a tres millóns grazas ao aumento de orzamento dedicado a este apartado
Presentación do Día do Veciño de 2022. SEBAS SENANDE
photo_camera Presentación do Día do Veciño de 2022. SEBAS SENANDE

A Xunta de Galicia, dentro da súa aposta polo apoio a asociacionismo no ámbito local, e grazas ao aumento do orzamento destinado a esta función, colaborou ao longo do ano 2022 con 421.588 euros para 30 asociacións de veciños da provincia de Lugo, aos que habería que sumar outros 12.000 para unha asociación de mulleres rurais.

A nivel autonómico, a contía elévase neste 2022 a 3 millóns de euros que beneficiaron a 224 entidades, como sinala a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto. A provincia de Pontevedra é a que máis axudas concentra; un total de 1,8 millóns de euros para 139 entidades. 1,3 corresponden a 104 comunidades de usuarios de augas; 489.147, a 34 asociacións de veciños, e 8.892, a unha de mulleres rurais.

A Coruña recibiu 216.637 euros, dos cales 157.487 euros foron para 12 asociacións de veciños; 45.782 para catro comunidades de usuarios de augas, e 13.367 euros para unha asociación de mulleres rurais.

Ourense percibiu 532.281 euros, dos que 471.259 destináronse a 31 asociacións de veciños, 36.000 a tres comunidades de usuarios de augas, e 25.000 a tres colectivos de mulleres rurais.

Eses 3 millóns de euros é o orzamento máis elevado desde que no ano 2016 Administración Local puxo en marcha a liña de axudas ás asociacións locais. Así, desde esa data a cantidade destinada pola Xunta aos colectivos ascende a 16 millóns de euros, que serviron para financiar 1.345 proxectos.

Un total de 753 iniciativas foron promovidas por asociacións veciñais, que sumaron máis de 9,3 millóns de euros en achegas da Xunta. As comunidades de usuarios de augas, con 520 actuacións, contaron cun orzamento de 6 millóns, mentres que as asociacións de mulleres rurais contaron con 72 proxectos e recibiron 459.000 euros.

Natalia Prieto explica que as axudas se centraron en obras e equipamentos nos locais das entidades, camiños veciñais e traídas de augas "coa finalidade de mellorar os servizos de interese veciñal". Así, as asociacións veciñais e de mulleres rurais destinaron as achegas sobre todo aos seus locais, con melloras na accesibilidade, no illamento térmico, no confort e nas dotacións. Actuaron tamén noutros equipamentos comunitarios, como parques infantís, campos de festa, velorios ou aparcadoiros.

Pola súa banda, as comunidades de usuarios de augas realizaron obras de captación, para a redución de perdas de auga e para mellorar a xestión, medición ou o control da calidade da auga, así como para optimizar o aforro e a eficiencia enerxética, entre outras.

"Desde a Xunta de Galicia recoñecemos o importante papel que desenvolve o asociacionismo no mundo rural, como un dos máis importantes instrumentos de participación cos que conta a Administración Local", apunta Natalia Prieto.

Un Día do Veciño que baterá récords
O Día do Veciño deste domingo prevé bater marcas e chegar aos 4.500 participantes no Pazo de Feiras e Exposicións de Lugo. A xornada comezará á primeira hora cun partido de fútbol entre xornalistas, políticos e membros das asociacións veciñais. Será ás 9.30 horas no campo da Cheda.

Mercado
Despois haberá un mercado de artesanía e produtos do campo e unha comida multitudinaria, tras a cal se entregarán os premios.

Concerto de Treixadura
Un dos pratos fortes da xornada será o concerto de Treixadura, que terá lugar ás 18.00 horas no Pazo de Feiras e Congresos. A entrada será de balde e suponrá a clausura do ciclo de concertos Revenidas Xacobeo 21-22.

Tal e como indica Álvaro Lamas, un dos compoñentes de Treixadura, o concerto de Lugo será «moi emotivo» xa que o grupo está a celebrar o seu trinta aniversario e a saída ao mercado do seu último traballo titulado Camiño longo.

Novo disco
O novo disco conta con 17 cancións que recupera as melodías dos inicios de Treixadura para descubrir como lles acae a madurez e a experiencia aos seus temas máis emblemáticos e que inclúe un libro de 104 páxinas que recolle a historia do grupo desde a súa creación hai máis de 30 anos. Fotos, lembranzas, concertos...

Comentarios