Xulgan a un home por ameazar a consumidores de droga morosos

Actuaba presuntamente coa banda de traficantes desarticulada na operación Orégano e adoitaba acudir a casa dos debedores e intimidaba aos seus familiares co obxectivo de cobrar as débedas

A Audiencia Provincial acollerá a próxima semana un xuízo contra un home de 37 anos -J.C.A.B., natural da República Dominicana- acusado de ameazar a varios consumidores de cocaína que supostamente tiñan débedas cunha banda de traficantes desarticulada no marco da operación Orégano, levada a cabo a mediados de 2010.

A banda, da que outros 12 membros tamén sentarán no banco dos acusados, tiña montada toda unha estrutura para distribuír a cocaína. Segundo explica o fiscal, un dos seus integrantes adquiría a cocaína en León e transportábaa a Lugo, onde a gardaba nos domicilios dos seus colaboradores, sitos en Tirimol e nas rúas Paulo Fabio Máximo, Río Narla, Rolda das Fontiñas, Rúa Nova, Avenida da Coruña e Carril das Abróntigas. Esta última vivenda estaba situada a uns 50 metros do locutorio da rúa Xulia Minguillón, que rexentaba a parella sentimental dun dos traficantes. A banda tamén distribuía haxix, que ocultaba no domicilio doutro dos seus membros, na Rúa Montirón.

En maio de 2010, o xulgado de instrución número 2 de Lugo autorizou unha intervención telefónica e os investigadores comprobaron que os sospeitosos distribuían cantidades considerables de cocaína na capital lucense e na zona da Mariña, así como nalgúns establecementos de Castro de Ribeiras de Lea e Vilalba. Nesta última localidade, un dos traficantes rexentaba un bar.

ARRESTOS. Estas escoitas levaron á detención de catro persoas e o xulgado autorizou unha nova intervención no mes de xuño. E unha vez máis, as pescudas confirmaron que a banda continuaba distribuíndo cocaína e haxix pola cidade. De feito, a Policía Nacional detectou varias transaccións na vía pública e no parque de Frigsa.

Tal e como se recolle no escrito de acusación da Fiscalía, o 18 de xullo de 2010, o acusado e outro home presentáronse no domicilio dun comprador para reclamarlle unha suposta débeda e ameazárono con facer dano á súa familia. Posteriormente, a principios de agosto, acudiron á vivenda dos pais doutro consumidor e reclamáronlles 5.800 euros, que supostamente lles debía o seu fillo pola compra de cocaína. Ademais, ameazaron con facerlle dano ao mozo sen non pagaban.

A investigación seguiu o seu curso e durante os meses de xullo, agosto e setembro foron detidas outras dez persoas. Tamén se incautaron 2,9 quilos de haxix, algo máis de 200 gramos de cocaína e outros trinta de marihuana.

O acusado, J.C.A.B., non foi arrestado nese momento e estivo un tempo en paradoiro descoñecido, ata que foi localizado.

O fiscal acúsao dun delito continuado de ameazas, tipificado no artigo 169.2 do Código Penal, e solicita para el unha condena dun ano e sete meses de prisión. A vista oral arrincará o vindeiro mércores na Audiencia Provincial de Lugo.

O ministerio fiscal solicita para este acusado un ano e sete meses de cárcere como autor dun delito continuado de ameazas

Comentarios