Xuízos sen togas e cos acusados enmascarados, a nova normalidade

A Audiencia Provincial celebrou unha vista por drogas, con sete imputados chegados de varias provincias, na que se aplicaron medidas de distanciamento e limitacións de aforamento
Generated by  IJG JPEG Library
AppleMark
photo_camera Xuíces, fiscais e avogados, sen toga, no xuízo celebrado o luns. XESÚS PONTE

A Audiencia Provincial de Lugo decidiu avanzar de fase un pouco máis rápido do que ían marcando as cuestionadas medidas que ata agora foi transmitindo o CGPJ e foi o primeiro tribunal lucense en renovar as vistas presenciais. Fíxoo xa a semana pasada, e este luns sinalou unha por un tema de drogas que ademais serviu como perfecta proba de lume para comprobar ata onde as infraestruturas xudiciais poden estirarse para cumprir coas medidas de seguridade sanitarias: sete imputados chegados de varias localidades de Lugo e doutras provincias galegas, cos seus correspondentes avogados, a representante do ministerio fiscal e os tres maxistrados do tribunal. Non había sitio no estrado para os procuradores nin apenas na bancada para público e prensa. E era unha das maiores salas dispoñibles en toda a provincia.

Nestas circunstancias, dúas novidades da 'nova realidade' chamaban a atención. A primeira, a ausencia de togas: xuíces, fiscal e avogados ían vestidos de rúa, sen os seus habituais uniformes negros, dos que unha instrución do CGPJ os liberou ao principio da pandemia (hai que ter en conta que moitas veces as togas eran compartidas, sobre todo no caso dos avogados e procuradores).

Non menos rechamante era a imaxe dos sete acusados sentados ante o tribunal co rostro cuberto por máscaras. Enfronte, só as levaban un dos xuíces e un avogado, aínda que todo fai pensar que o interese dos imputados por manterse enmascarados estaba máis relacionado con ocultarse das cámaras da prensa que do coronavirus, a xulgar polos sorrisos ao descuberto e a festa que montaron fóra cos familiares que os estaban esperando cando saíron coas súas condenas reducidas.

Na sala, os habituais bancos corridos nos que ben cabían medio centenar de persoas foran substituídos por cadeiras individuais separadas por dous metros, dez en total. Os familiares nin sequera puideron acceder ao hall da Audiencia.

Penas rebaixadas por conformidade de 7 a 3 anos
Polo que respecta ao aspecto meramente xudicial, a vista celebrada na Audiencia tivo pouca historia. Xulgaban os membros dunha banda de Lugo, Pontevedra e Monforte que en 2009 fora sorprendida traficando con heroína e cocaína en distintas localidades. A Fiscalía solicitaba en principio penas de entre 7 anos e medio e 5 anos de prisión e multas de ata 1,8 millóns, pero houbo un acordo previo. Tras recoñecerse autores dos feitos, os acusados foron condenados a penas de entre tres anos e 21 meses de cárcere.

O principal motivo da rebaixa de penas foi que se lles recoñeceu a atenuante de dilacións indebidas: o xulgado de instrución 1 de Lugo tivo o seu caso parado máis de dous anos.

Comentarios