Pilar de Lara defende ante o CGPJ que os atrasos nas causas non dependen dela 

A xuíza respondeu punto por punto ao informe "moi exhaustivo" no que se sustenta a investigación sobre o seu labor

Pilar de Lara. SEBAS SENANDE
photo_camera Pilar de Lara. SEBAS SENANDE

A titular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara, declarou este mércores ante o promotor da acción disciplinaria contra ela que está aberta polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ) que os supostos atrasos indebidos nas macrocausas que instrúe "estaban xustificados" e en todo caso, non foron por culpa súa. 

De Lara declarou durante tres horas na sede do CGPJ en Madrid acompañada polo seu avogado, Agustín Azparren, quen explicou a Europa Press que a xuíza presentou "abundante documentación" así como resposta por escrito a todas as obxeccións expostas pola acción disciplinaria e respondeu punto por punto ao informe "moi exhaustivo" no que se sustenta a investigación sobre o seu labor. 

"Temos unha sensación moi boa porque contestou con bastante firmeza e con todo luxo de detalles e memoria sobre cada un dos procedementos, expondo que os atrasos estaban xustificados e cando non, era porque dependía doutros funcionarios ou de trámites que estaban pendentes e non se podía facer nada mentres tanto", explicou o letrado.

'CARIOCA', MÁS VOLUMINOSA QUE O 11-M. En concreto, a maxistrada defendeu que "en ningún" dos casos sinalados, as supostas dilacións foron pola súa responsabilidade, senón que obedecían nuns casos a trámites pendente de informe, dilixencias pendentes de periciais, exhortos ou recursos de apelación que aínda non se resolveron. Presentou documentación das distintas causas para acreditar que no que dela depende directamente, resolve "o mesmo día ou en dous ou tres días, con moi pouco marxe". 

Segundo explica o letrado, "case todas" as obxeccións versaban sobre a macrocausa pola operación Carioca que investiga corrupción e prostitución en Lugo, o que na súa opinión é razoable dado que se trata dunha causa máis voluminosa incluso que a dos atentados do 11 de marzo de 2004: Ten 272 tomos, uns 130.000 folios e dez fiscais asignados. A causa do 11-M contaba con 241 tomos e 43.000 folios e un xuíz asignado en exclusiva, mentres ela "non só leva esa instrución". 

Nesta xornada estaba prevista tamén a declaración da letrada da Administración de Xustiza do xulgado de Lugo, pero ante a extensión da intervención de De Lara, pospúxose. 

Unha vez acabe esta primeira fase de probas, se o Fiscal no proceso disciplinario non solicita que se efectúen máis, o caso podería arquivarse ou derivar nun prego de cargos contra De Lara que acabaría na Comisión Disciplinaria do Consello. 

Comentarios