Xosé Chorén: "O noso obxectivo non é vivir nas barricadas"

Logo dun mandato no que Lugonovo e o PSdeG non chegaron a un acordo estable de goberno, o candidato á Alcaldía recoñeceu que cando os partidos se perden "en debates políticos, os que perden son os cidadáns"

Xosé Chorén, en un almuerzo informativo. SEBAS SENANDE
photo_camera Xosé Chorén, nun xantar informativo este venres. SEBAS SENANDE

O candidato de Lugonovo (En Marea) á Alcaldía de Lugo, Xosé Chorén, foi presentado este venres despois de que a asemblea desta formación o ratificase este xoves por unanimidade, en substitución de Cristina Pérez, que inicialmente ía encabezar a lista municipal, pero ao final será candidata ao Congreso por esta provincia.

O coordinador de Lugonovo, Vitor Álvarez, recoñeceu que a convocatoria das eleccións xerais "complicou a estratexia" desta formación, que xa designara á actual portavoz municipal, Cristina Pérez, como candidata á alcaldía da capital lucense.

Ao ser a persoa designada para encabezar a lista de En Marea ao Congreso por esta provincia, optouse por Xosé Chorén -que xa foi concelleiro durante varios mandatos co BNG no Concello- para encabezar a candidatura municipal.

En canto ás aspiracións de Lugonovo nas eleccións municipais, Chorén afirmou que a súa intención é facer que o partido ao que representa sexa "útil" e evitar que o Concello siga "bloqueado".

"O noso obxectivo non é vivir nas barricadas", dixo Chorén, senón achegar "sentidiño e estabilidade" ao Concello de Lugo, aínda que tamén recoñeceu que para chegar a acordos "non basta cunha parte soa".

"Oxalá que teñamos reciprocidade", engadiu.

Logo dun mandato no que Lugonovo e o PSdeG non chegaron a un acordo estable de goberno, o candidato á Alcaldía recoñeceu que cando os partidos se perden "en debates políticos, os que perden son os cidadáns".

Mostrouse partidario de darlle "continuidade ao traballo" dos tres edís de Lugonovo durante o último mandato e asegurou que o seu "esforzo" no tempo que queda ata os comicios ten que ir encamiñado a demostrarlles aos cidadáns que son "necesarios".

Comentarios