Xogos, poesía e música celebrarán o día 28 que a muralla é Ben Mundial

O Concello adianta ao próximo domingo os actos polo 21º aniversario da declaración da Unesco para facilitar a asistencia
La muralla de Lugo. ARCHIVO
photo_camera La muralla de Lugo. ARCHIVO

Lugo conmemorará o 21º aniversario da declaración da muralla como Patrimonio da Humanidade o vindeiro domingo 28 de novembro con diferentes actividades como os xogos tradicionais, poesía e música.

A área de cultura, turismo e promoción da lingua do Concello de Lugo organizou a celebración para o vindeiro domingo, e non para o martes 30, "para facilitar a asistencia dos veciños a todas as actividades que desexen", segundo indícase nun comunicado.

Nas inmediacións da muralla celebraranse concertos das distintas agrupacións musicais do Conservatorio de Lugo e unha ruta poético-musical protagonizada por poetas e instrumentistas de Lugo.

Pola mañá, realizarase unha demostración de xogos tradicionais no propio adarve da muralla, a cargo da asociación Xotramu.

Todas as actividades estarán abertas á participación de todos os veciños que desexen pasear ese día pola muralla "e celebrar un ano máis a proclamación como Patrimonio da Humanidade do noso monumento máis importante", sinalou a concelleira de cultura, Maite Ferreiro.

OUTRA CONMEMORACIÓN. O Concello ilumina este luns de cor vermella a fachada da casa consistorial para conmemorar o Día Nacional das Enfermidades Neuromusculares.

Con este xesto, explica a Alcaldía nun comunicado, a institución "busca apoiar o traballo desenvolvido pola Asociación Galega contra as Enfermidades Neuromusculares (Asem Galicia), impulsora da iniciativa, para concienciar á poboación sobre esta enfermidade e darlle visibilidade".

Destacan, ademais, que se coñecen máis de 150 enfermidades neuromusculares, que pola frecuencia con que se presentan forman parte do conxunto das denominadas "enfermidades raras".

Comentarios