"Os xestores culturais poden ser moi útiles para recuperar a chamada 'España vaciada'"

A facultade de Humanidades estrea o próximo curso o grao de Xestión Cultural, que será único en Galicia e un dos poucos que haberá nas universidades públicas do resto do Estado, xunto cos de Córdoba e Huelva. Un programa transversal garantirá a empregabilidade desta titulación, coa que se espera volver encher de alumnos Humanidades
Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano de Humanidades. SEBAS SENANDE
photo_camera Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano de Humanidades. SEBAS SENANDE

Despois de tres titulacións nas que o número de alumnos matriculados foi caendo de ano en ano, a facultade de Humanidades estreará o próximo curso un novo grao, o de Xestión Cultural, co que pretende frear estes números e recuperar os estudos de Letras no campus lucense. Un grao multidisciplinar deseñado durante os meses de confinamento do ano pasado que ofrece—segundo conta o decano, Gonzalo Francisco Fernández Suárez— un alto nivel de empregabilidade.

Que ten que dicir do novo grao en Xestión Cultural que comezará a impartir a facultade de Humanidades o próximo curso?

Teño que dicir que é un grao competitivo. Deseñouse durante os meses de confinamento do ano pasado por unha comisión externa formada por profesores, que seguiron varias convocatorias públicas de emprego do posto de xestor cultural para ver que coñecementos estaban pedindo a este tipo de profesionais. Estes contidos foron, despois, adxuntados á memoria do grao para que os estudos se adapten, o máximo posible, ao que está a pedir o mercado laboral.

Cales foron eses coñecementos que máis se lles pedían aos xestores culturais nas ofertas de traballo que a comisión viu?

O que máis se pedía eran coñecementos en dixitalización. Por iso, incluímos, neste novo grao, materias relacionadas con este tema como Dixitalización de Arquivos e Bibliotecas, Patrimonio Artístico, Industrias Culturais e Creativas, Planificación Estadística e Márketing e Tecnoloxía Dixital para a Xestión Cultural. O grao ofrece, sobre todo, un contido transversal con moitas materias.

Que diferenzas hai entre este novo grao, de Xestión Cultural, e o antigo de Humanidades?

A diferenza fundamental é que o grao de Xestión Cultural non só tratará das ciencias humanísticas senón tamén se incluirán contidos de economía, dereito, comunicación e novas tecnoloxías. O grao ten unha clara vocación profesionalizante para formar os profesionais que xestionen a cultura cos coñecementos que se piden tanto no ámbito público como no privado. Por iso, o grao tamén ten materias como Análise de Datos para a Xestión Cultural ou Marco Legal da Xestión Cultural. Outro dos nosos obxectivos é preparar os alumnos para que, co tempo, leven a cabo iniciativas de carácter empresarial neste campo. E outro aspecto que non esquecemos foi a ensinanza de linguas estranxeiras. O programa inclúe dúas linguas obrigatorias: inglés e tamén portugués ou francés (a escoller). Tamén consideramos que poden ser uns estudos moi útiles para recuperar a chamada ‘España Vaciada’ xa que estes profesionais poderán facer unha análise do territorio e coñecen a cultura do lugar e as tradicións, o que axuda moito á hora de facer unha posta de valor do patrimonio a nivel local, permitindo a recuperación da economía e da vida no rural.

Este novo grao virá a resarcir a facultade de Humanidades da falta de alumnos que acusou nos últimos anos con anteriores titulacións como a licenciatura de Humanidades e os graos en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e Lingua e Literatura Españolas?

É certo que, en cuestión de matrícula, non se chegaron a completar os números pero influiu máis, á hora de pensar neste novo grao, que xa estabamos traballando neste ámbito e Xestión Cultural o que fai é completar un ciclo formativo que se iniciou hai tempo nesta facultade. É un grao que conectará co mestrado en Servizos Culturais e tamén co programa de doutoramento en estudos culturais. Todos estes estudos singularizan a facultade como un centro no que se imparten as titulacións do ámbito da xestión cultural.

Que resultados deu o mestrado?

Bos, é un dos mestrados con máis éxito dentro da USC. Todos os anos quedan entre 40 e 60 persoas na lista de agarda por matricular e tamén capta moito alumnado no estranxeiro porque é semipresencial e porque as clases fanse en streaming. O que é curioso é que, online, hai moita máis asistencia ás clases que cando o ensino era totalmente presencial.

Este grao de Xestión Cultural que se estudará en Lugo é o único que hai en Galicia?

Si, esta titulación é única en Galicia e tamén na maior parte do territorio nacional, en canto a universidades públicas. Agora mesmo, só se imparte en Córdoba e en Huelva.

Cantas prazas ofrecerá?

Haberá 45 en total, 25 serán presenciais e 20, semipresenciais.

Os alumnos semipresenciais como farán os exames?

Os exames fanse sempre de forma presencial aínda que os estudos sexan semipresenciais.

Haberá nota de corte?

En principio, non.

Será a única titulación que se imparta o próximo curso na facultade de Humanidades?

Non, seguiranse impartindo os cursos que quedan do grao en Ciencias Culturais e Difusión Cultural pero xa non se ofertará este ano o primeiro curso.

"Virán tamén docentes doutros anos a dar clase"

Poderán convalidar materias os alumnos do grao de Ciencias Culturais e Difusión Cultural no novo grao de Xestión Cultural?

Haberá unha táboa de adaptacións para pasar duns estudios a outros. Convalidaranse materias xa superadas con contidos parecidos nos dous graos.

Que materias inclúe este grao?

Son moi variadas:Antropoloxía, Socioloxía; Poboación, Territorio e Paisaxe, Orixes de Europa, TICS, Economía da Cultura, Industrias Culturais e Creativas, Marco Legal da Xestión Cultural, Patrimonio Artístico, Tecnoloxía Dixital, Análise do Espectáculo, Políticas Culturais, Turismo Cultural e Desenvolvemento Sostible, Museos, Medios Audiovisuais, Artes Escénicas, Información Xeoespacial, Camiño de Santiago, Xestión de Conxuntos Históricos ou Produción de Textos para a Xestión Cultural, entre outras.

Terán máis profesorado?

O profesorado será o que había. Iso si, virán tamén docentes doutros centros.

Comentarios