A voz non é unha barreira

Daniel é xordo desde que tiña dous anos pero iso non é un impedimento para poder facer un traballo como o que agora desenvolve, en prácticas, na Axencia da Enerxía da Deputación, asesorando aos lucenses que queren reducir a factura da luz.
Daniel Lourés, en la oficina de la Agencia de la Energía.
photo_camera Daniel Lourés, en la oficina de la Agencia de la Energía.

A Daniel Lourés Ferro véselle resolto e con ganas de traballar. Agora mesmo, está a piques de finalizar o ciclo superior de Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica no CFPI As Mercedes. Mentres tanto, enfróntase aos retos que sempre supón a vida laboral a través dunhas prácticas, que está a facer na Axencia da Enerxía, da Deputación Provincial, onde o seu traballo diario consiste en atender ao público. Un traballo, no que a pesar do que poida parecer dada a súa condición física, defende con uñas e dentes.

«O problema non é que eu sexa xordo. O problema é que vivimos nunha sociedade que está feita para un mundo de oíntes. Se non falo, terei que facer un esforzo maior que os demais para comunicarme coa xente, pero o fago, aínda que teña que escribir o que diga», explica Daniel, coa axuda da intérprete que lle acompaña na que é a súa primeira aventura no mundo laboral.

Este mozo ten o apoio dos seus compañeiros e tamén dunha intérprete de lingua de signos, que lle facilita a tarefa da comunicación ‘traducindo’ o que lle propón o público. Por iso mesmo, as prácticas está a desenvolvelas sen ningún tipo de problema, resalta durante un descanso no seu traballo na sede da Deputación Provincial.

O mozo, que cursa un ciclo superior de Eficiencia Enerxética, asesora sobre a factura da luz ao público na Axencia da Enerxía

Doutra banda, Daniel defende que, aínda que a intérprete fallase, arranxaríallas, como fai na súa vida diaria, para comunicarse coa xente. é novo, pero non ten dúbidas sobre a súa capacidade para enfrontarse á vida.

«Debería haber intérpretes de lingua de signos en moitos ámbitos. De feito, un Real Decreto, aprobado en 2007, establece que debe haber un intérprete de lingua de signos en todos os institutos e isto non se cumpre porque non hai ningún intérprete fixo nos centros educativos. Pero, a pesar de todo, ímonos arranxando», indica ese mozo, que é todo un exemplo da capacidade de superación que demostran a diario moitos lucenses afectados por algunha discapacidade.

Daniel acabará as prácticas na Deputación o 18 de xuño. Serán case dous meses asesorando aos lucenses sobre como poden aforrar no recibo da luz.

«Encárgome de informar o cidadán para aforrar máis. Nalgúns casos, a xente pide que lle revisemos a factura para ver se hai erros», apunta.

Antonio Álvarez, o seu titor, asente a todo o que di o seu avantaxado ‘alumno’. «Leva só dúas semanas e noutras dúas porase á vez connosco», di, en referencia ao rápido que aprende Daniel.

Daniel acode á Axencia da Enerxía en horario de mañá, de nove a dous. Ata agora, a súa experiencia non pode ser máis positiva. «A xente dáse conta, está claro, de que son xordo e de que non falo pero, en cambio, todas as persoas que pasaron por aquí foron moi amables e nunca tiven problemas de comunicación nin de entendemento con ninguén», insiste á hora de valorar os resultados do seu traballo.

Futuro

Este mozo, de 24 anos, aínda non ten claro que vai facer en canto acabe os seus estudos. «Quizá empece unha enxeñería ou quizá trate de atopar un traballo», explica.

De todos os xeitos, afirma, «estou encantado co ciclo de FP que fixen porque me gusta todo isto e, ademais, podo aplicalo na granxa familiar á hora de buscar outras alternativas enerxéticas», sinala Daniel que, antes de facer Eficiencia Enerxética, comezou outro ciclo de Informática que non chegou a acabar no IES Muralla Romana.

A satisfacción de Daniel neste posto tradúcese nunha frase que resume a súa experiencia de dúas semanas: «Aquí estou a aprender unha chea porque me atopo con casos reais. Atópasche coa vida, en suma».

Comentarios