Vodas de ouro do centro de Peritos

A Escola de Enxeñería Técnica Agrícola, inaugurada en 1969, contaba nos seus inicios con 170 alumnos e cando desapareceu tiña dez veces máis e outras catro titulacións
La Escuela de Ingeniería Técnica Agrícola se encontraba en la Avenida de Madrid. AEP
photo_camera A Escola de Enxeñería Técnica Agrícola atopábase na Avenida de Madrid. AEP

Tal día como hoxe fai 50 anos era inaugurado o edificio da Escola de Enxeñería Técnica Agrícola de Lugo, o que popularmente se coñecía como peritos agrícolas. Era entón o único centro de Galicia que impartía esa titulación, concedida dous anos antes por iniciativa do ministro de Información e Turismo, o lucense Manuel Fraga Iribarne. As instalacións supuxeran un investimento duns 34 millóns de pesetas (204.344 euros). 

Ese 11 de outubro de 1969 celebrábase a posta de longo do edificio, sito na Avenida de Madrid, onde estivera outrora o cuartel das Mercedes, co acto académico co que se iniciaba o curso. Pronunciaba a lección inaugural o profesor Odón Luís Abad Flores. 

A Eita deu os seus primeiros pasos baixo o acubillo do Ministerio de Educación. En 1970 pasaba a denominarse Escola Universitaria de Enxeñería Técnica Agrícola, unha vez aprobada a Lei Xeral de Educación de Villar Palasí. Pasou entón a depender da Universidade de Santiago de Compostela. Foi, xunto co antigo Colexio Universitario, o xerme do Campus Terra en Lugo. 

O seu primeiro director foi Manuel Peleteiro Rosende. Sucedéronlle Xullo Ulloa Vence e Manuel Torres Pacios. Serafín Tellado López sería o último en estar á fronte do antigo centro da Avenida de Madrid, no curso 1991-92, que desapareceu coa creación da Escola Politécnica Superior de Enxeñería, con Ramón Villares como reitor da USC. 

O edificio sobreviviría uns anos. Albergaría desde a Escola Oficial de Idiomas ou o Conservatorio de Música ata as titulacións universitarias de Relacións Laborais e Enfermería. 

Serafín Tellado (Monte-Castroverde, 1941) aterrou en 1976 en Peritos como profesor e unha década despois asumiría a dirección do centro. Este enxeñeiro industrial procedía da empresa privada. Entre outros cargos, foi o responsable técnico da montaxe e posta en marcha da planta de destilación de aceite de piñeiro de Tall Oil no condado inglés de Durham e o director de RTR na capital lucense. 

"Foi o segundo centro universitario de Galicia con máis alumnos e o segundo tamén con máis titulacións", recorda a súa exdirector, Serafín Tellado

Entre os seus innumerables recordos figura a "dificultade" que tivo para "a dotación de profesorado, biblioteca, aulas e laboratorios, por exemplo para industrias lácteas e mecanización", debido a que naquela época multiplicouse o número de alumnos e titulacións do centro. 

EN CIFRAS. A Escola de Enxeñería Técnica Agrícola tivo nos seus primeiros anos ao redor de 17 profesores e uns 170 alumnos, A finais dos anos 80 cando se incorporaban outras catro titulacións, Industrias Agrarias e Alimentarias; Mecanización Agraria; Xardinería e Paisaxismo e Agrónomos, contaba con máis de 150 profesores e preto de 2.000 alunmos. Entón o tope de matriculacións no primeiro curso era de 150 estudantes en cada unha, hoxe en día son 45 ou 50. 

Chegaron entón docentes de Córdoba e Madrid, como Andrés Porras, Francisco Maseda ou Salustiano Mato, que sería reitor da Universidade de Vigo. Tellado, que ten palabras de recoñecemento pola súa colaboración ao expresidente da Deputación, Francisco Cacharro, recorda que este centro acolleu os cursos de apicultura Benigno Ledo e recuperou o cine-club Marcos da Portela.

Comentarios