Villegas: "Non queremos que en Galicia pase o mesmo coa lingua que en Cataluña"

De visita en Lugo para apoiar a precampaña do seu partido de cara ás municipais, matizou as polémicas palabras de Toni Cantó sobre o castelán na comunidade

O secretario xeral de Ciudadanos, José Manuel Villegas, asegura que o seu partido, en relación co uso do castelán, non quere que "en Galicia pase o que está a pasar en Cataluña", onde se empezou dunha "forma máis suave" a inmersión lingüística en catalán e agora "sabemos como acabaron as cousas".

Villegas fixo estas declaracións en Lugo, onde viaxou este venres para apoiar a precampaña do seu partido de cara ás municipais do mes de maio, tras ser preguntado pola afirmación que realizou en sede parlamentaria o seu compañeiro Toni Cantó, quen chegou a dicir que o castelán estaba desaparecido en Galicia. "Ao que se refería é a que, en determinados ámbitos, temos que defender a presenza do castelán, a liberdade de poder estudar en castelán como lingua vehicular nas escolas e que nas administracións o castelán tamén se utilice como lingua habitual, que non haxa que pedilo", precisou.

De feito, insistiu en que iso o temos que defender", porque "xa sabemos o que pasou noutras comunidades autónomas" e "non queremos que en Galicia pase o que está a pasar na miña terra, en Cataluña, onde tamén se empezou dunha forma máis suave e sabemos como acabaron as cousas".

"Somos uns firmes defensores da liberdade no ámbito da escola e somos uns firmes defensores de que o idioma común, o castelán, que é o idioma común de todos os españois, hai que polo en valor, xunto, loxicamente, coa promoción e defensa das linguas cooficiais, que tamén son linguas españolas, que hai que defender e promocionar", engadiu.

En canto aos candidatos ás alcaldías en Galicia subliñou que a decisión se tomará "en xaneiro". Precisou que, nestes momentos, Cidadáns ten "a vantaxe" de que está "a vivir momento doce" en Galicia, "un momento de crecemento" no que cada vez se nos achega (máis xente) e confía en nós".

"Ese crecemento que se está producindo en toda España, ese crecemento que se está producindo en Galicia e ese crecemento que se está producindo en Lugo, vaise a ver referendado nas próximas eleccións municipais cuns grandes resultados", resolveu.