Villamide recibe licenza para facer 22 vivendas na Avenida das Américas

É a primeira fase dun proxecto que comezará a executarse en breve e que contempla a edificación doutro inmoble á beira con 18 vivendas
Avenida das Américas. ARCHIVO
photo_camera Avenida das Américas. ARCHIVO

O goberno local da Lugo concedeu licenza este mércores a Construcciones Villamide para facer un edificio de 22 vivendas na Avenida das Américas, con fachada tamén a Marqués de Ombreiro.

Trátase da primeira fase dun proxecto que incluirá outro edificio á beira con 18 vivendas, aínda que para este aínda non foi solicitada licenza. O promotor prevé presentar o proxecto no Concello en breve.

Villamide é un dos promotores e construtores lucenses que leva a cabo tanto edificación nova como rehabilitación, aínda que é neste campo onde o seu labor é máis coñecido. Neste momento traballa en varias casas do centro histórico.

O proxecto que este mércores recibiu o visto e prace municipal está orzado en 1.703.661 euros e ten un prazo máximo de execución de 36 meses.

Esta foi a única licenza autorizada na xunta de goberno semanal, á que xa só van proxectos que superen os 300.000 euros de orzamento. Desde febreiro, o resto das licenzas de obra maior son autorizadas polo director xeneral de Urbanismo, tras as competencias que delegou nel a alcaldesa.

A demora na concesión de permisos de obra é un dos problemas que lastran a xestión urbanística municipal, xa que, tras a lixeira mellora que se produciu o ano pasado, o ritmo de licenzas concedidas volveu baixar. 

A xunta de goberno celebrada este mércores tamén abordou o recurso que presentou a empresa lucense Luseryma tras ver denegada a solicitude de licenza para a construción dun edificio de 45 vivendas en Sanfiz, xa que incumpría distinta normativa, segundo informou entón o goberno local.

Comentarios