Veterinaria e a Politécnica reciben a acreditación europea

O reitor, Antonio López, fixo entrega dos certificados expedidos pola European Association of Establishments for Veterinary Education
Facultad de Veterinaria. SEBAS SENANDE / ARCHIVO
photo_camera Facultade de Veterinaria. SEBAS SENANDE / ARQUIVO

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, fíxolles entrega este xoves ao decano da Facultade de Veterinaria, Gonzalo Fernández, e ao director da Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) do campus de Lugo, Tomás Cuestas, da acreditación europea expedida pola European Association of Establishments for Veterinary Education.

Así mesmo, fíxolles entrega dos selos de calidade EUR-ACE, obtidos polos graos en Veterinaria, Enxeñería Civil e Forestal e polo máster en Enxeñería de Montes, no transcurso dun acto que tivo lugar hoxe na Vicerrectoría de Coordinación do Campus de Lugo, no que tamén participaron os vicerreitores Jacobo Limeres e Montserrat Valcárcel, responsables da área Calidade e do campus de Lugo, respectivamente.

Segundo informou a USC, a "renovación da acreditación europea" por parte do grao de Veterinaria que se imparte no Campus de Lugo, un certificado de calidade do que goza esta facultade desde 2008, "permite aos seus titulados e tituladas o desenvolvemento da súa actividade profesional nos países europeos e incluso no Reino Unido".

Tamén lles abre a porta para "colexiarse en entidades internacionais", explicou Gonzalo Fernández.

Así mesmo, o decano de Veterinaria recordou que a homologación europea da que goza o centro "certifica os elevados estándares de calidade da formación que se imparte" no mesmo e "amplía as posibilidades de inserción laboral" dos titulados noutros países.

De feito, precisou que, de non contar con esta acreditación, os titulados en Veterinaria pola USC "non poderían desenvolver a súa actividade profesional" no Reino Unido.

Unha situación semellante é a que afecta aos titulados na Escola Politécnica, un centro universitario que, na actualidade, conta con cinco títulos distinguidos co selo de calidade internacional EUR-ACE, un diploma outorgado pola European Network for Acreditation of Engineering Education.

Comentarios