O verán na cidade de Lugo remata co San Froilán e na provincia, coas San Lucas de Mondoñedo. Despois empeza o que a xente chama vida normal. Acábanse as festas con palco e orquestra, calan as tómbolas, apáganse as luces e hai que volver á rutina.
E que será desa xente que nos fixo bailar por encima das nosas posibilidades? A que se dedican os músicos das orquestras cando non hai festas? Non hibernan coma os osos, de algo teñen que vivir mentres chove.
Algúns reinvéntanse en formacións máis pequenas, desas que caben nun restaurante ou nun baile de Entroido; outros conseguen vivir das rendas do verán mentres preparan a tempada seguinte, e a maioría dedícanse a outros labores que lles dan de comer mentres esperan que o tráiler do palco prenda o motor de novo.
Entre estes últimos hai de todo. Abundan os profesores de música, pero tamén hai empresarios de diversos sectores, tendeiros e ata algún mago.
Unha boa tempada

O verán para as orquestras Costa Dorada e Arizona remata en outubro. As dúas formacións encaran a recta final da tempada satisfeitas tras uns meses de moito traballo que lles permitirá invernar con tranquilidade.
Estas dúas orquestras actuarán nas festas de San Froilán, teñen algún outro compromiso en outubro e a fin de mes baixarán do palco permanentemente ata marzo, cando empece a seguinte tempada.
Gonzalo López, do grupo Arizona, explica que "a contratación péchase o 31 de outubro e despois de Reis retomamos os ensaios, pero a nova tempada non empeza ata o 1 de marzo".
Gonzalo López traballa nun negocio familiar e dá clases de piano cando a orquestra para
Durante o inverno, a maioría dos integrantes da orquestra Arizona son profesores de música. Gonzalo López, por exemplo, dá clases de piano en Lugo e en Vilalba e traballa nun establecemento comercial da súa familia. De feito, ao inicio e ao remate de curso ten que compaxinar as actividades na orquestra e nas aulas. "Hai que multiplicarse, non sobra nin un minuto", asegura.

Pero quen realmente fai maxia no grupo Arizona é Nacho Samena. Durante o verán ocúpase dos teclados da orquestra e o resto do ano é mago. "No es fácil compaginar la música y la magia porque las temporadas coinciden. En verano tengo compromiso de disponibilidad con la orquesta y no puedo contratar muchas actuaciones de magia. Alguna he hecho, pero la mayoría serán a partir del otoño", explica.
Nacho Samena toca os teclados no grupo Arizona e no inverno dedícase á maxia
Algo de ilusionismo tamén fai cos teclados. "Todo lo que suena en la orquesta de pianos, sintetizadores, trompetas y trombones sale de mis teclados", di este especialista no manexo dos naipes, ao que desde logo non lle falta axilidade nas mans.
Moita hai que ter para conciliar a vida de músico de orquestra con calquera outra, sobre todo no verán. "Levo tantos anos nisto que a fin de semana xa non ten sentido para min. Se quero facer algo coa familia ten que ser por semana e no verán ata iso é complicado porque hai festas todos os días", comenta Alberto Cancela, da orquestra Costa Dorada.
Moitos compoñentes desta formación tamén se dedican á docencia durante o inverno. "O batería, o saxofonista, o baixista. O pianista fai arranxos musicais, os cantantes preparan a tempada que vén e tamén hai que aproveitar para descansar un pouco, que no verán non se pode", explica Cancela, que é director musical da orquestra e técnico de son. No inverno, ocúpase da loxística e do mantemento para que todo estea a punto para a seguinte tempada. É o momento de, entre outros labores, "buscar a formación que actuará o verán que vén".
Alberto Cancela mantén a punto os motores de Costa Dorada para arrincar de novo en marzo
A tempada que remata foi satisfactoria para Costa Dorada. "Foi un verán bo. O número de contratos aínda é inferior ao de antes da pandemia, pero a recuperación está sendo boa".
A iso axuda que nos últimos anos houbo, en opinión de Cancela, "unha transición da discoteca á festa como centro de reunión da xuventude. Xa case non hai discotecas e a verbena é un evento onde a xente vai divertirse".
En Lugo báilase pouco
Para asegurar esa diversión, os grupos deseñan repertorios adaptados aos diversos públicos. "Os gustos son diferentes por idades e incluso en cada zona. Non é o mesmo na costa que no interior. Por exemplo, en Ponteareas sabes que tes que levar repertorio de baile e que en Lugo son máis de mirar o espectáculo. Nós ofrecemos un mesmo produto, pero con matices para cada público".
E hai público para todos. Desde a axencia de espectáculos Musicalia confirman o rexurdimento das festas en Galicia. "O ano pasado foi espectacular. Despois da pandemia había ganas de eventos ao aire libre e nunca vimos tanta xente nas festas. Este ano consolidouse esa tendencia, cunha tempada boa para a maioría das formacións musicais", explican.
Constatan a volta da xente nova ás verbenas e a adaptación do repertorio das orquestras para o público xuvenil.
Desde Musicalia apuntan tamén a cambios na configuración dos programas festivos derivados das limitacións económicas. "Os presupostos son cada vez máis limitados. Niso inflúe a densidade de poboación. Nas parroquias cada vez hai menos xente e é difícil xuntar diñeiro á hora de organizar a festa. Neste sentido, foi un bo ano para dúos, tríos e discotecas móbiles, que resultan máis económicos ca unha orquestra", explican.

Ángel Rodríguez e Eva López, compoñentes do dúo Eclipse, respaldan esta afirmación. No seu caso, a tempada non remata co verán. Traballan todo o ano, con espectáculos adaptados a diversidade de eventos.
"En agosto tivemos 24 actuacións. Dise moi axiña, pero é un traballo enorme. Nós somos dous e conducimos o camión, montamos o escenario, tocamos e cantamos e despois desmontamos e conducimos de volta. Non temos equipo de montaxe, nun dúo hai que facer de todo", explica Ángel Rodríguez.
O dúo Eclipse non descansa no inverno e manten o público activo ata cando chove
Pero está satisfeito da tempada. "No verán traballas moito para vivir mellor no inverno, cando hai menos contratos. Aínda así, nós non pechamos coma as orquestras. Nas fins de semana hai actuacións nos restaurantes, celebracións de aniversario, en novembro veñen os magostos, en decembro está o Nadal e fin de ano, despois xa chegan as ceas de San Valentín e o Entroido e en abril volven as festas. Isto non para", comenta.
Nos meses de menos actividade aproveitan tamén para "preparar as novas montaxes". O dúo Eclipse fai esta tempada 20 anos e desde o 2010 os seus membros dedícanse en exclusiva á música. "Empezamos cun investimento de 6.000 euros e agora levamos máis de 100.000. Pasamos de tocar con dous altavoces a levar un camión con escenario e pantallas".
Ángel Rodríguez agradece que a xente recuperara as ganas de festa tras a pandemia, que se aposte pola música para cada celebración e que non falte un dúo en cada cartel das festas.
E mentres os dúos terman do público en pequenos eventos a cuberto, as orquestras preparan a seguinte tempada, para que non lle falte música a quen desfrute bailando, escoitando ou mirando o espectáculo.