Así afecta o virus ás librarías: "As vendas por internet son poucas"

Italia considera a lectura como necesidade inaprazable. España ve outras prioridades. Unha boa parte dos dispensadores de lectura na provincia pecharon; algúns, aguantan a través da rede
Imagen de archivo del interior de la librería Souto.AEP
photo_camera Imagen de archivo del interior de la librería Souto.AEP

Ada agrasar fixo unha estimación das vendas por encarga que podería obter na súa libraría de Monforte que leva o seu apelido, e os gastos de luz e persoal. Na suma e resta gañou James Joyce. “Decidimos un peche total porque o noso ingreso principal son os libros, non a prensa nin a papelería. Poderíamos aguantar quince días ou un mes vendendo por teléfono, pero non sabemos canto ía durar”. Así que optaron por botar a chave. Aproveitaron para ler Ulises de Joyce.

A maioría das corenta librarías que pode haber na provincia de Lugo cesou de traballar. Carlos Coira observa que “vivimos ao día. Cando ía abrir díxome Couceiro: ‘Se queres gañar cartos dedícate a outra cousa’”, pero elixiu ser libreiro e vivir na corda frouxa tendida entre os volumes que entran e os que saen do seu establecemento, Trama, en Lugo.

Como Coira, Cielo Fernández preferiu confiar en que internet e o teléfono lles dese a oportunidade de manter unha base de ingresos para soportar a travesía do deserto que se lles abría diante dos ollos. Cielo mantén librarías en Foz e Ribadeo baixo o nome histórico de Bahía. Ambos os dous establecementos están coas portas ‘entornadas’, no sentido de non atenden ao público en persoa, pero si mediante peticións indirectas.

→ Pedidos por Whatsapp
Cielo Fernández apunta que habilitaron “un teléfono para os pedidos na páxina web porque a súa “prioridade era manter o contacto cos seus clientes”, sobre todo, na tarefa de “aconsellar e asesorar”. Está convencida de que “facemos o mesmo labor por outros medios”.

Cielo Fernández: "O medio máis usado para comprar libros durante este confinamento é o Whatsapp, que é rápido e cómodo"

En certo modo, o cambio é menor. “Antes a xente miraba na páxina o que tiñamos e viña buscalo á libraría”. O costume era semellante no caso de Trama, se ben os seus lectores que navegaban eran “persoas de fóra” que facían a procura na web “para pedir do noso fondo”, observa Carlos Coira. “Vendiamos pouco a través da páxina”, se ben recoñece que “había quen facía a reserva pola web” e recollía no local.

O voceiro de Trama engade que xa metían fotografías, pero agora sumaron as intervencións en vídeo dun monicreque, Basilio, que recomenda libros aos cativos, ou del mesmo, que se ocupa dos menos cativos.

Cielo explica que o medio máis usado no seu caso “é o Whatsapp porque é rápido e cómodo”. O procedimento que seguen Bahía e Trama é similar. Hai personal nas librarías que anota os pedidos e empaqueta.

→ Un terzo de vendas
En Foz son traballadores propios os que levan as peticións a domicilios de toda A Mariña, mentres que en Trama entregan os paquetes a empresas de mensaxería a primeira hora da tarde.

Ada Agrasar: "Decidimos o peche total porque o noso ingreso principal son os libros, non a prensa nin a papelería"

“As vendas son ridículas, catro ou cinco ao día”, recoñece o responsable do establecemento lucense. O luns contaba con alegría o seu récord: “Houbo hoxe unha persoa que pediu doce libros”. As cifras que achega Cielo non son mellores. En ambos os casos, os ingresos rondan o terzo de cando todo era normal e non o sabiamos.

Os tres lamentan que a epidemia que enclaustrou fisicamente os seus negocios chegase nun mes que comezaba coa Semana Santa e se estendía ata o Día do Libro, que foi adiado. Cielo Fernández remarca que “nesta época subía moito”.

Pese a esa baixada, ou talvez como consecuencia desa afrouxamento no ritmo de vendas, ambos os dous agradecen o apoio que lles dan os seus clientes. Mesmo a libraría Agrasar manifesta o seu orgullo polos lectores que os visitan habitualmente. “Temos whatsapp e chamadas de xente que nos fan encargas que pasarán recoller cando abramos”, apunta Ada. Un fenómeno que tamén beneficia a Trama e Bahía, e que lles permite suspirar con esperanza.

→ De bestseller a libro galego
A dureza das noticias fai que as obras máis lidas sexan “novelas, moitas negras, e cousas máis fáciles de ler”, porque o lector non está para traxedias, indica Ada Agrasar.

Carlos Coira: "O noso récord de vendas por internet foi unha persoa que pediu doce libros, pero as vendas son catro ou cinco ao día"

Os criterios de compra parecen manterse nas tres librarías pese ao cambio de método. “Cada cliente pide o mesmo que compraba antes. Hai quen leva novela comercial, novela menos comercial, libro galego...”, asegura a xerente da focense Bahía.

No seu caso hai un apartado de “autores e temáticas locais, onde inclúo os de toda A Mariña” que é representativo. Ese mesmo perfil figura nas listaxes de encargas de Trama. Lucenses que viven fóra adoitan “pedir libros en galego, ensaios sobre Galicia ou ensaios esgotados”, algo que tamén fan agora residentes de “dúas rúas” en paralelo.

Comentarios