Vecinos de Paulo Fabio denuncian malos tratos a cabalos á intemperie

Os feitos foron postos en coñecemento da Protectora de Animais, tras ser gravado un vídeo onde un home malla a un dos animais, preso a unha corda de tres metros

Vecinos da rúa Paulo Fabio Máximo de Lugo denuncian un posible caso de malos tratos a un cabalo tras presenciar e gravar en vídeo os paus que un home lle propina ao animal, nunha leira situada entre esta rúa e Rúa Norte, na Rúa do Vento. Os veciños foron alertados do que sucedía tras ouvir o ruído do pau ao impactar sobre o corpo do cabalo, o que motivou que algúns deles saísen á fiestra e presenciasen a terrible escena, que foi gravada co fin de denunciar publicamente estes feitos e evitar que se volvan a repetir.

"O que pasou foi impactante. Miña parella, que o viu, contoumo por teléfono e non paraba de chorar pensando no que puido pasar o pobre cabalo, que tiña que aguantar os paos sen poder escapar. Dá mágoa ver esas imaxes e é inxusto que isto estea a pasar", afirma un dos veciños da zona.

Nesa leira, hai preto de media ducia de cabalos e un pónei. Os animais están na parcela día e noite, durmindo á intemperie e ao sol sen ter un lugar no que acubillarse. Ademais, segundo testemuños veciñais, están atados a unha corda duns tres metros de longo, co que teñen algo de mobilidade, pero a xusta.

"Tráenlles auga nun balde pero hai días que o empuxan e vértese a auga e, mentres tanto, os cabalos pasan sede. Comer tampouco comen moito porque están nos ósos e, ademais, a leira ten herba seca", engade este mesmo veciño.

Os feitos foron postos en coñecemento da Protectora de Animais que, segundo indicou este veciño, denunciará á súa vez o caso a Medio Ambiente.

Comentarios