Veciños da Residencia volveron manifestarse polos servizos do barrio

Rexeitan a planta de biomasa prevista e alertan da redución do número de estacionamentos
undefined
photo_camera A marcha de protesta, este xoves na Residencia. VICTORIA RODRÍGUEZ

Veciños da Residencia volveron este xoves á rúa para reclamar servizos para o barrio e rexeitar o impacto de reformas do tráfico como a que implica o carril bici.

Os residentes que saíron á rúa volveron poñer o acento no rexeitamento á planta de biomasa que está previsto que alimente a enerxía do novo complexo sanitario do barrio, xa que consideran que pode ser perigosa para a saúde.

Ademais, os residentes no barrio seguen insistindo en reivindicar que se constrúa alí a nova comisaría da Policía Nacional, que, aínda que sen data, está previsto trasladar da súa localización actual na rúa Chantada.

Ademais de pola perda de servizos na antiga residencia sanitaria, os veciños móstranse preocupados pola redución do número de estacionamentos que haberá no barrio coa construción do carril bici.

Sosteñen que o aparcadoiro se fará moi necesario na zona cando entren en servizo os novos equipamentos do barrio, que inclúen o centro de saúde e o novo PAC da cidade.

De feito, a presión do aparcadoiro no barrio xa se empezou a percibir e xa se dispara a oferta de prazas de garaxe na contorna das novas instalacións sanitarias.

A protesta tivo lugar un día despois de que lograse a licenza de construción a nova residencia de maiores do barrio.

Comentarios