Os veciños denuncian un foco de ratas e maleza na Calzada da Ponte

Os veciños advirten tamén de que cando chove intensamente, como sucedeu en días pasados, a auga saca á boia neste aliviadoiro todo tipo de residuos

El foco insalubre en la Calzada da Ponte. EP
photo_camera O foco insalubre na Calzada da Ponte. EP

Chove sobre mollado. Os veciños da Calzada da Ponte volven denunciar o mal estado que presenta un colector que está na "corredoira" pola que se accede ao aparcadoiro de terra que hai ao pé da estrada Nacional VI.

O colector, que está sen ningún tipo de tapa, é un foco de ratas e desprende mal cheiro, sobre todo, cando aperta a calor no verán. Ademais, está rodeado de maleza, o que entraña un risco para a propagación das chamas no caso de que se declare un incendio forestal.

Os veciños advirten tamén de que cando chove intensamente, como sucedeu en días pasados, a auga saca á boia neste aliviadoiro todo tipo de residuos (cueiros, preservativos...), que quedan esparexidos sobre o camiño.

A situación vénse repetindo desde hai máis de dous anos, segundo aseguran os afectados, sen que o Concello de Lugo adopte algunha medida ata o momento. Explican que cando requiren que se solucione este problema de insalubridade a resposta que obteñen é que se prevé que se remedie co plan Edusi, que contempla unha serie de actuacións en infraestruturas e ambientais co fin de achegar a cidade ao río Miño.

CAMIÑO PRIMITIVO. Esta situación que se esta producindo na Calzada da Ponte afea ademais a contorna do Camiño Primitivo, declarado Patrimonio da Humanidade, que pasa a poucos metros de distancia, que estes días é frecuentado polos peregrinos.

Ademais, cando se celebran partidos de Liga do CD Lugo no estadio Anxo Carro, este camiño adoita ser utilizado por afeccionados para acceder ao campo de fútbol polo paso peonil que está debaixo da estrada Nacional VI.

Os veciños fan fincapé na mala imaxe que levan da capital lucense os simpatizantes dos equipos visitantes, así como os peregrinos.

Comentarios