Os veciños denuncian o estado de abandono do miradoiro da Volta da Viña

O BNG critica que non se dese unha solución para comunicar o parque Marcos Cela e o río Miño

Estado del mirador de A Volta da Viña. JORGE LÓPEZ
photo_camera Estado do miradoiro da Volta dá Viña. JORGE LÓPEZ

Os veciños da Rúa Santiago e o barrio da Ponte denuncian o estado de abandono no que se atopa o miradoiro da Volta da Viña, onde a maleza e a sucidade invadiu este espazo. Por iso, esixen ao Concello que realice un mantemento periódico deste miradoiro desde o que se pode divisar o val do río Miño.

Ademais, tamén critican que nunha parte do muro que dá á ladeira da estrada nacional VIN se colocaron como protección para evitar caídas unhas madeiras e uns ferros que, segundo os veciños, ofrecen unha imaxe lamentable aos visitantes.

BNG. Mentres, o candidato nacionalista á alcaldía Rubén Arroxo criticou este martes que o goberno municipal "non fixese nada" neste mandato para enlazar o parque Marcos Cela coas inmediacións río Miño.

Arroxo recordou que no mes de xullo do ano 2017 se aprobaba unha modificación de crédito na cal se incluía unha partida de 100.000 euros para o acondicionamento dun enlace peonil seguro entre o parque Marcos Cela e A Volta da Viña. "Neste momento nada se fixo para efectivizar esta actuación e a situación agravouse porque as choivas do pasado inverno provocaron uns derrubes de terras que chegan a cortar as escaleiras existentes", comentou o alcaldable nacionalista.

Arroxo pediu unha solución para que as persoas que acceden á zona do río Miño desde o parque Marcos Cela o poidan facer dun xeito seguro e recordou que esta solución xa foi demandada polo BNG cando o goberno socialista adoptou en 2015 como única solución o peche da escaleira cara á Rúa Santiago cun valo metálico. "Xa son moitas as persoas que utilizan este percorrido para achegarse á contorna do Miño e co bo tempo cada vez serán máis e o paso segue oficialmente pechado", advertiu Arroxo.

Comentarios