Vázquez acusa a Arroxo de "desprezar" os veciños e tratalos con "soberbia"

Di que "xamais" pediu "unha cacidada" a el ou a Penas, aos que chama "artistas do engano". Cre que teñen "fixación" por el para obviar que os buses van "completamente baleiros"
Rubén Arroxo y Jesús Vázquez. EP
photo_camera Rubén Arroxo e Jesús Vázquez.

As friccións entre o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, e o presidente da federación veciñal, Jesús Vázquez, -que se manifestaron a través da cruces de acusacións en medios redes sociais ao longo desta semana- subiron este venres a un novo nivel. Nun comunicado con formato de carta, Vázquez asegurou que tanto Arroxo como o edil de obras, Alexandre Penas, "desprezan" aos veciños" e trátanos con "displicencia, soberbia e altanería".

Negou categoricamente que lles propuxera unha "cacicada" despois de que Penas asegurase que, ao comezo do mandato municipal, Vázquez quixera lograr o control dunha porcentaxe do orzamento que manexa a súa concellaría . "Xamais vos pedín ningunha cacicada ou trato de favor e o que diga o contrario mente. Xamais vos pedín administrar ou xestionar ningunha obra e o que diga o contrario mente e mente a propósito. Si é certo que vos pido e pedireivos a implementación dos chamados orzamentos participativos, algo por certo que se suprimiu desde que chegastes ao goberno municipal", insistiu dirixíndose a ambos.

Cre que Arroxo ten "fixación" por el. "Son o centro da túa vida e a túa gran preocupación. A verdade é que me inquietas porque un problema de fixación cara á miña persoa pode levarche a problemas de saúde mental, algo que de ningún modo desexo para ti", di.

Na misiva chama indistintamente a Penas "monaguillo" ou "escudeiro" do tenente de alcalde, pero a ambos lles atribúe a capacidade de ser "artistas na arte do engano" e de desviar "a a atención" dos lucenses dos problemas que realmente lles preocupan. "Creades cortinas de fume para que a xente non fale de obras, iluminación, participación ou do bus urbano. Así, tratades de conseguir que non se aprecie a vosa incompetencia e ineptitude á hora de xestionar os recursos públicos. Conseguistes no tema do bus urbano algo que é imposible de superar: que os buses vaian completamente baleiros e que as queixas se estendan por todas as zonas da cidade", apunta.

Vázquez dedica unha parte da carta a recordar aos dous nacionalistas que, complementaria á democracia representativa que exercen os políticos, está a participativa, que é a que el exerce. Tamén lle pide a Arroxo que explique exactamente que inxurias lle atribúe. "Se te consideras inxuriado por algo (algo que é delito) xa sabes cal é o camiño que debes seguir", indica.

PARTICIPACIÓN. Alude Vázquez a un cambio de apreciación dos orzamentos participativos previo e posterior á entrada do BNG no goberno. Di que antes se lles enchía a boca" falando deles. "Desde que estades no goberno sufristes un profundo cambio ou transmutación, porque agora o que aplicades co tecido asociativo é a vosa vontade ditatorial porque non podedes controlalo e dirixilo", conclúe.

Ao seu xuízo, aos dous concelleiros móveos manterse no poder. "Convertéstesvos nuns profesionais da política, ben pagados por uns cidadáns aos que desprezades. Por iso entendo que para manter o voso status esteades dispostos a calquera cousa", dilles.

Vázquez di a Arroxo que se o seu partido xa lle concedeu permiso para reunirse coa federación veciñal e deixa de ser "un monicreque ou marioneta" poña día e hora á súa reunión para falar da reforma das liñas de buses "feita desde a incompetencia e ineptitude"». A federación veciñal ten intención de convocar unha manifestación contra a reforma do bus.

Arroxo di que a reforma recolle dous cambios de Vázquez
O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, replicou a nbsp;Vázquez&nas súas redes sociais cunha explicación minuciosa sobre como levou a cabo a reforma do transporte do bus e recordoulle que recolléronse as dúas únicas propostas presentadas pola federación veciñal: que o bus á Ponte baixase cada 30 minutos e o do Hula por Róldaa Norte parase en Albeiros. Tamén recordou que o 95% das peticións realizadas polo resto de veciños foron atendidas.

Admite que nunca serán perfectas as liñas de bus nun concello con parroquias tan diseminadas. "Estas son as liñas de bus que máis territorio cobren de todas as cidades galegas, e as máis baratas", dixo.   

Comentarios