Varios ladróns asaltan Novafrigsa e levan un botín de máis de 10.000 euros

Accederon á planta de Lamablanca na madrugada do domingo, tras rebentar unha fiestra, e roubaron nas oficinas e a cafetería. A Policía Nacional examina as imaxes das cámaras

La planta de Novafrigsa en Lamablanca. AEP
photo_camera A planta de Novafrigsa en Lamablanca. AEP

Os amigos do alleo puxeron a pasada fin de semana a súa mirada nunha das empresas lucenses máis importante, a cárnica Novafrigsa, que figura entre as dez primeiras por volume de facturación no ranking da provincia de Lugo.

Varios ladróns asaltaron as oficinas e a cafetería da planta que a filial do Grupo Coren ten en Lamablanca e fixéronse con un botín en efectivo que supera os 10.000 euros.

Os asaltantes accederon á nave que comparten as oficinas e a cafetería tras romper unha fiestra. Só subtraeron diñeiro. Rexeitaron a opción de levar aparellos electrónicos ou calquera outro efecto de valor. Probablemente foi para que non retardase a súa fuxida.

Este roubo tivo lugar na madrugada do pasado domingo, cando a factoría non rexistraba actividade, pois o persoal traballa de luns a sábado.

Os ladróns deberon aproximarse a pé, tras deixar un automóbil aparcado na zona boscosa que rodea a factoría de Novafrigsa. A pista pola que se accede en Lamablanca conta cunha garita, con persoal de seguridade, e unha barreira que obstrúe o paso aos vehículos.

Non transcendeu se son delincuentes locais ou unha banda organizada itinerante, que se despraza desde outra provincia

PESCUDAS. A Policía Nacional está a investigar o caso. Unha das probas de que dispón para intentar identificar os asaltantes son as imaxes gravadas polas cámaras de videovixilancia que están instaladas tanto no exterior como no interior da empresa cárnica.

Nesas gravacións da madrugada do pasado domingo aparecen varios intrusos, aínda que as forzas de seguridade non concretan cantos, nin aclaran se se pode tratar de delicuentes locais ou dun grupo organizado itinerante que se despraza desde outra provincia para cometer as súas fechorías, como ocorreu por exemplo nos roubos que se perpetraron nos últimos meses en vivendas unifamiliares da urbanización da Louzaneta.

A presenza desas cámaras de videovigilancia non botou para atrás os ladróns. Estas están instaladas tanto nas oficinas como no corredor que as comunica coa cafetería. Ao parecer, os asaltantes non rebentaron as máquinas que se atopan nesta estancia co fin de subtraer a súa recadación.

UN REFERENTE EN GALICIA. Novafrigsa, que factura uns 95 millóns de euros anuais e conta cun persoal de máis de 80 traballadores, é o centro de procesado onde a principal cooperativa agroalimentaria de España canaliza toda a produción de vacún que procede das súas granxas, a elaboración de friames e cocidos e o secadeiro de xamóns, que ten unha capacidade para producir máis de 700.000 pezas ao ano.

As instalacións de Lamablanca contan cuns 32.000 metros cadrados de superficie cuberta, o que a converte na maior industria de vacún de Galicia, con capacidade para unhas 100.000 reses anuais.

Este asalto volve poñer enriba da mesa a preocupación que existe entre os lucenses porque están a proliferar este tipo de delitos. O ano pasado denunciáronse 2.427 roubos e furtos na provincia, dos que case a metade, 1.159, se rexistraron no municipio de Lugo.

Os ladróns non fan distingos entre naves industriais, chalés e pisos. No pasado mes de febreiro produciuse unha onda de roubos na Louzaneta. Un grupo organizado asaltou en tan só tres semanas catro vivendas unifamiliares, cando caía a tarde e os seus moradores non se atopaban en casa. Ese clima de inseguridade motivou que os propietarios se organizasen e barallasen a posibilidade de contratar seguridade privada.

Máis recentes, a principios deste mes, foron os asaltos a dous céntricos pisos na Avenida da Coruña. Tiveron lugar a plena luz do día, a media mañá. Tanto neste caso como nos da urbanización os ladróns só buscaban diñeiro e xoias.

Comentarios