As varices levan ao quirófano a unha trintena de lucenses cada semana

Só un terzo das intervencións fanse no Hula e o resto, en hospitais concertados â??A pesar da súa prevalencia, perviven mitos como que a calor ou o tabaco favorecen a súa aparición

Intervención quirúrgica. EP
photo_camera Intervención cirúrxica. EP

LUGO. Unha trintena de lucenses pasan cada semana por quirófano por mor das varices, a máis común das insuficiencias venosas que padecen entre o 20 e o 25% da poboación. Só un terzo deses casos son operados no Hula, mentres que o resto son derivados aos dous hospitais privados que fan cirurxía concertada para o Sergas.

Aínda que pode parecer que poucas varices acaban sendo intervidas na sanidade pública, o certo é que Lugo empeza a ser unha excepción. Hospitais como o Chuac non asumen operacións de varices e derívanse a práctica totalidade aos centros concertados. Cirurxía Vascular do Hula fai esta operación de forma ambulatoria e con anestesia local. Ademais, as varices ocupan a metade das consultas que atende o servizo lucense.

A pesar de que se trata dun problema moi común, seguen pervivindo unha serie de mitos completamente erróneos que saen a miúdo en consulta e que se transmite de boca a orella sen que teñan evidencia algunha, en realidade.

«Nin o verán nin o tempo cálido producen varices, aínda que poden empeorar os síntomas porque coa calor pódese ter máis edema e pesadez de pernas», sinala o xefe de Cirurxía Vascular do Hula, José María García Colodro, sobre unha crenza extendidísima, pero errónea.

O que si contribúe a ese tipo de insuficiencia venosa é a calor directa, como unha manta eléctrica sobre as pernas, sentar á beira dun radiador ou estufa ou tomar o sol.

Outra asunción equivocada é que a roupa axustada pode producir varices, cousa que non ocorre, ou que fumar provoca que aparezan, o cal tampouco inflúe. «O tabaco pode provocar moitos problemas de saúde e convén deixar de fumar, pero nin causa varices nin as empeora. Non interfere coa súa evolución en absoluto», apunta o doutor García Colodro, que engade que tampouco o alcol nin o consumo de sal está relacionado coas varices. Sentar coas pernas cruzadas tampouco favorece as varices, aínda que non é a mellor postura porque pode presionar nervios e veas e provocar adormecemento se se mantén durante moito tempo.

A metade das consultas que atende o servizo de Cirurxía Vascular do Hula refírense a este tipo de insuficiencia venosa

Si inflúe, con todo, a obesidade. «Un exceso de graxa na zona abdominal e pélvica dificulta o retorno do sangue ao corazón o que fai que as persoas con obesidade teñan máis posibilidades de desenvolver un problema de varices», explica.

O especialista recorda que as varices están causadas por problemas das válvulas venosas e, en gran medida, son hereditarias, de forma que é común que os pacientes con varices teñan pais ou avós co mesmo problema. Aparecen no sistema venoso superficial, a capa que se atopa entre a pel e os músculos e é o grosor desa capa o que fai que sexan máis ou menos visibles. Só unha ecografía mostra a afectación real do paciente.

Comentarios