UU AA inicia este venres en Lugo unha campaña de boicot contra Lactalis

O sindicato asegura que a empresa está "a impor" contratos que "provocan caídas encadeadas do prezo" do leite ► Unión de Unións pide a Agricultura que complemente as axudas de 14,6 millóns da Unión Europea
Vacas en una sala de ordeño de una explotación láctea
photo_camera Vacas en una sala de ordeño de una explotación láctea

Unións Agrarias inicia este venres en Lugo unha campaña de boicot contra Lactalis "pola actitude que a empresa francesa ten cos gandeiros galegos". A finais de xullo o sindicato agrario presentou denuncia ante a Axencia de Información e Control Alimentarios (Aica), dependente do Ministerio de Agricultura, contra esta empresa pola "imposición" dun novo contrato con prezos á baixa para comprar leite a uns 1.200 produtores da comunidade. E xa nese momento avanzou que volvería mobilizarse contra esta empresa.

En concreto, UU AA informará os consumidores que acudan ao hipermercado da cadea Gadis no polígono do Ceao, sobre o que considera abusos cara aos gandeiros. Asegura que Lactalis "está a impor" no campo uns contratos de aprovisionamento que "provocan caídas encadeadas de prezo".

Así mesmo, o sindicato denuncia tamén a "retención de renda que Lactalis impón aos gandeiros, ao non trasladarlles os dous céntimos por litro acordados coa distribución", tras as protestas do pasado mes de decembro.

Unión de Unións lamenta que a axuda á redución voluntaria da produción de leite non sexa obrigatoria para os estados excedentarios

AXUDAS EUROPEAS. Pola súa banda, a Unión de Unións de Agricultores e Gandeiros enviou unha carta ao secretario xeral de Agricultura e Alimentación, Carlos Cabanas, para pedirlle que o ministerio complemente as axudas da Unión Europea aos produtores de leite e outros sectores gandeiros ata chegar ao importe máximo permitido pola Comisión Europea, que é do 100%. E é que Bruxelas puxo a disposición de España un importe de 14,6 millóns de euros, pero permite aos estados membro complementar este montante con fondos nacionais.

Así, a organización busca que se apoie "de forma decidida" aos produtores de leite e outros sectores gandeiros, entre os que se atopan os de carne de vacún, de porcino, de ovino e de caprino. A través da misiva, a organización solicitou a Agricultura unha reunión para trasladarlle as súas propostas para a posta en marcha de medidas excepcionais de apoio a estes sectores, xa que se atopan "inmersos nunha situación dramática" tras a desaparición de 568 explotacións desde xaneiro e 691 en 2015 e cuns prezos "moi por baixo dos custos de produción".

Ademais, a organización reclama ao ministerio que se regule "definitivamente e de forma obrigatoria" a etiquetaxe de orixe do leite líquido e do leite empregado como ingrediente para a elaboración de produtos lácteos transformados.

Unión de Unións lamenta que a axuda á redución voluntaria da produción de leite de vaca non sexa obrigatoria para os estados membros excedentarios de leite e aplicouse por igual a todos os países. "Esperamos, polo menos, que esta medida repercuta directamente ao prezo que o gandeiro percibe polo seu leite", sinala a organización.

Comentarios