Usuarios do rocódromo inician unha campaña para pedir máis seguridade

Denuncian nun escrito que houbo xa dous accidentes e puxeron en marcha a recollida de firmas â??A empresa di que cumpre co prego técnico e con todas as normativas
Un usuario del rocódromo VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Un usuario do rocódromo. VITORIA RODRÍGUEZ

Un grupo de 38 usuarios do rocódromo instalado no Pazo de Feiras e Congresos iniciou unha campaña de recollida de firmas para pedir que se melloren a seguridade das instalacións e que se cumpra coa prestación de servizos recollida no Prego de Prescricións Técnicas.

A iniciativa baséase nun escrito -entregado no Concello, a Deputación e a Fundación Feiras e Exposicións- no que se recollen varias das deficiencias atopadas nas instalacións e tamén no funcionamento e xestión das mesmas -tanto polo que respecta á escola de escalada como ao estado do rocódromo-, a falta de persoal ou de espazo.

Algunhas destas deficiencias en seguridade motivaron -segundo estes usuarios- que se produciron, ata o momento, dous accidentes entre os usuarios das instalacións, «agravados pola carencia de colchóns», sinalan no escrito.

Os usuarios critican, ademais, a falta de lonas que tapen as primeiras presas e apoios «impedindo a escalada cando estean ancoradas aos autoaseguradores», que non se renoven as vías de escalada e tamén a ausencia dun técnico de sala para dar información e orientación sobre este deporte.

En canto á escola de escalada, os usuarios indican que se producen cambios de docentes e de modalidade de cobro sen que sexan informados os usuarios. Tamén botan en falta material para a aprendizaxe de manobras e denuncian que hai formadores sen cualificación homologada.

Polo que respecta ao estado do rocódromo, os usuarios achacan á empresa xestora que faltan presas e que algunhas están en mal estado e sucias. Tamén din que está mal a ancoraxe de paneis na zona de esborralle da corda e que é insuficiente tanto a iluminación como os colchóns.

O escrito tamén recorda a necesidade de dotar estas instalacións dun espazo infantil acoutado tanto na zona de búlder como nos muros de altura e tamén doutros espazos, vías e material adaptados para persoas con diversidade funcional.

A empresa di que cumpre co prego técnico e con todas as normas

A empresa que leva a xestión do rocódromo, Climbing Planet, asegura —sobre estas queixas— que as instalacións cumpren con todas as normativas —tanto a nacional como a europea aplicable a este tipo de equipamentos deportivos— así como tamén co prego de prescricións técnicas que regula a concesión
e nega que o rocódromo presente algún tipo de deficiencias ou irregularidades.

Climbing Planet engade que a xestión e o mantemento do rocódromo cumpre "de forma escrupulosa con ese prego de prescricións técnicas" e que se garanten as medidas de seguridade "que esixe a normativa vixente".

A empresa cooncesionaria afirma que a instalación lucense é "modélica a nivel nacional" afirmando que "foi encomiada polos mellores expertos na materia" recordando que , por ese motivo, elixiuse como sede do campionato de España de escalada.

USUARIOS. En canto ás queixas que se reflicten no escrito asinado polos usuarios, Climbing Planet manifesta que "carecen de todo fundamento e tratan máis ben de menoscabar e prexudicar o bo nome da empresa sen xustificación algunha". 

Carles Comas, conselleiro delegado da empresa, indicou, pola súa banda, que se contratou un experto TD2 en escalada e que se aumentou o número de colchóns e de presas.

Comentarios