Usuarios do centro de día do Corgo quéixanse da calidade asistencial

Denuncian a supresión de actividades e recortes nos horarios por falta de persoal

Usuarios do centro de día do Corgo e as súas familias quéixanse da diminución da calidade asistencial nas instalacións. Denuncian que o persoal é insuficiente en horario de tarde, polo que desde o verán suprimíronse case todas as actividades de tempo libre e incluso se recortou varias veces o horario de atención aos usuarios.

Os afectados critican, ademais, que desde agosto o centro de día non ten director e esas tarefas asúmeas un técnico da Xunta desde Santiago, o que dificulta a interlocución para tratar de liquidar estes problemas. De feito, estas familias, que residen no Corgo e en concellos limítrofes, presentaron senllos escritos ante o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e ante a área de inspección da Consellería de Política Social, avalados por decenas de firmas, para que a Administración adopte medidas para recuperar os servizos prestados, pero non obtiveron resposta.

problemas de PERSOAL. Os críticos co funcionamento do centro explican que, extraoficialmente, desde Santiago recoñecen que o persoal é insuficiente, ao estar varios traballadores de baixa.

Os asinantes dos escritos quéixanse tamén dos trastornos causados pola «gran rotación de persoal» no centro. Nese sentido, explican que a varios profesionais concedéuselles unha redución de xornada e, para cumprir os horarios, acoden outros que «só van traballar dúas ou tres horas» ou «un día puntual», polo que os usuarios apenas os coñecen, o que lles crea inseguridade, ao temer erros coa súa medicación ou a súa dieta.

As familias denuncian que o centro chegou incluso a pechar con antelación varios días por eses problemas de persoal polas tardes -a última vez, antes das festas do Nadal-, polo que tiveron que «botar man de amigos ou veciños» para recoller aos usuarios, ao ser avisados con pouco marxe e non poder facerse cargo por motivos laborais.

Os afectados proponse impulsar máis accións de protesta se a Xunta non reforza os servizos no centro de día corgués, que atende a uns 30 usuarios.

O PSOE local, que se fixo eco no seu día desas queixas, reclama ao Concello que medie coa Xunta para resolver esa situación.

Comentarios