A USC e a Xunta crean BioRedes para fomentar a investigación no sector primario

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, destacou que a iniciativa permitirá ao Campus Terra ser "referencia"

A Universidade de Santiago de Compostela, co apoio da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, presentou este martes a agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra, Xestión e Produción Sustentable de Biorrecursos (BioRedes), unha ferramenta para mellorar as sinerxías e a colaboración entre os distintos grupos de investigación que traballan na sede universitaria de Lugo.

Na presentación de BioRedes, nesta xornada, participou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, así como a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Carmen Pomar.

Ambos explicaron que a agrupación estratéxica de I+D+i BioRedes é unha das novas estruturas que acaba de aprobar a Xunta de Galicia para desenvolver o potencial que en materia de investigación ofrecen as universidades galegas, mediante a colaboración entre os distintos grupos de investigación.

Nesta fase inicial, esa rede está constituída por 16 grupos de investigación "de referencia competitiva" vinculados Escola Politécnica Superior Enxeñaría (Epse) e á Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC.

Carmen Pomar destacou que BioRedes permitirá mellorar o traballo en equipo para alcanzar "obxectivos de investigación, de cooperación e de internacionalización", coa vocación de avanzar na construción dun campus de referencia no seu ámbito de especialización.

Pola súa banda, Antonio López subliñou o feito de que esta rede actuará sobre as "liñas estratéxicas" dos centros de coñecemento do campus de Lugo, "esenciais para o desenvolvemento do sector primario".

Comentarios