Usan drons para a primeira revisión completa da nova ponte de Lugo

A construción foi levantada cando o lucense José Blanco era o ministro responsable de infraestruturas

Técnicos do Ministerio de Fomento están a realizar este xoves coa axuda de drons a primeira "inspección principal" e "detallada" á estrutura e aos elementos da nova ponte de Lugo sobre o río Miño desde a súa inauguración no 2011.

A nova ponte foi construída cando o lucense José Blanco era o ministro responsable de infraestruturas e levaba varios anos sen as correspondentes supervisións por un conflito de competencias entre o Goberno e o Concello de Lugo.

Os enxeñeiros de Fomento comezaron á primeira hora deste xoves pola mañá a revisión da ponte e están a utilizar drons para obter imaxes detalladas sobre o estado de conservación da estrutura, que ten 95 metros de lonxitude. Os drons estanse usando para gravar imaxes dos puntos menos accesibles de cara a redactar un informe sobre o estado da infraestrutura.

En declaracións aos medios de comunicación, a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, expresou a súa "satisfacción" polo feito de que o novo executivo, o que preside Pedro Sánchez, decida "ocuparse do que o anterior Goberno non quixo facer".

O Ministerio de Fomento construíu esta ponte en base ao protocolo subscrito en outubro de 2004 entre o Goberno de España e o Concello de Lugo, e foi posto en servizo en xuño de 2011.

Comentarios