Urbaser recolle cada día da muralla 3,5 quilos de feces de can

O Concello repartirá 3.000 exemplares dun manual de boas prácticas e unha bolsa reutilizable para concienciar deste problema

Mercedes Pacheco, Daniel Piñeiro y Miguel garcía Liñares. EP
photo_camera Mercedes Pacheco, Daniel Piñeiro e Miguel garcía Liñares. EP

LUGO. Os datos producen estupor. Urbaser, a concesionaria do servizo municipal de limpeza, recolle cada día da muralla unha media de 3,5 quilos de excrementos de can. Faio en dúas quendas de limpeza: un ás dez e media da mañá, cando se retiran máis de 2 quilos e outros ás seis e media, cando levan 1,5 quilos. Deduce o Concello, xa que logo, que ou menos propietarios pasean ás súas mascotas entre a mañá e a tarde ou son máis cívicos dos que o fan pola tarde e noite.

Os números -que dan a arrepiante suma de 120 quilos de feces ao mes; é dicir, unha tonelada e media anual que sae só do adarve da muralla- aparecen recollidos no libro "Non a tires, embólsaa", un manual de boas prácticas presentado onte polo concelleiro de desenvolvemento sostible, Daniel Piñeiro, e os seus autores: a redactora, Mercedes Pacheco, e o ilustrador, Fran Muñiz.

As cifras producen estupor porque implica que, só do adarve, saen ao mes 120 quilos de excemento, ou tonelada e media ao ano

O Concello repartirá un total de 3.000 exemplares do libro en establecementos da cidade relacionados coas mascotas, como clínicas veterinarias, tendas de alimentación de animais ou centros de adestramento. Irán acompañados dunha bolsa reutilizable, unha especie de saquito de tea plástico pensado para ser unha bolsa de bolsas. O manual estará tamén colgado íntegro da web do Concello.

O manual insiste desde o principio en varios puntos. Un deles, que os propietarios de mascotas que se comportan de forma incívica son minoría, algo que parece imposible se se ten en conta a acumulación de excrementos da que se fala. O segundo é o de que, dado que o mal comportamento non é xeneralizado, centrar a campaña na intensificación de sancións aos que non recollen as feces do seu can non tería sentido. Finalmente, tamén se explica a imposibilidade de colocar papeleiras sobre a muralla, xa que se trata dun monumento cuxa protección impide alterar o seu estado orixinal ou modificar a súa estrutura.

Aínda que a campaña non se dedica exclusivamente a previr os excrementos na muralla, si comeza referíndose ao feito de que, espalladas polo adarve, ven bolsitas, ás veces escondidas tras a vexetación ou directamente introducidas nos ocos na pedra. Precisamente a bolsa reutilizable pretende suplir a carencia de papeleiras e dar aos donos de mascotas un lugar onde gardar as bolsitas ata baixar do adarve.

Comentarios