Unha veciña de Lugo acusada de 150 roubos di que as xoias eran "agasallos" dos amantes

Ela e a súa parella, ambos colombianos residentes en Lugo, enfróntanse a 6 anos de cárcere nun xuízo que se celebra en Santander

Unha parella colombiana residente en Lugo e acusada de cometer máis de 150 roubos en vivendas do norte de España negou este mércores os feitos na Audiencia de Cantabria, onde a muller asegurou que as xoias incautadas pola Policía durante a investigación procedían de "agasallos" dos "amigos" cos que mantiña relacións, ou ben porque eran os seus amantes ou ben porque eran os seus clientes cando exercía a prostitución.

A Audiencia Provincial de Cantabria acolleu este mércores o xuízo por estes feitos, no que figuran como acusados ML.B.U e FA.P.V., que eran parella, aos que se lles considera autores dun delito continuado de roubo con forza, e BE.A.B, a filla de ML.B.U., á que se lle imputa un delito de receptación dos obxectos roubados, entre eles xoias e obxectos de valor. Aos tres, a Fiscalía impútalles ademais o delito de pertenza a grupo criminal.

A Fiscalía pide 6 anos para cada un dos membros da parella e 3 para a restante acusada, que recoñeceu que "en dúa ou tres" ocasións foi, por encargo da súa nai, ML.B.U. a vender algunhas xoias a establecementos de compra venda de ouro de Lugo, lugar onde residían os tres acusados.

No xuízo contra eles por seis roubos en vivendas de Santander, o home e a muller aseguraron que nunca estiveron xuntos na capital cántabra, aínda que unha testemuña situounos nesta cidade o día dun dos roubos, nas inmediacións dunha das casas asaltadas.

A parella explicou que cando se cometeron os roubos, entre 2013 e 2014, mantiña unha relación en Lugo, onde vivía en dúas casas contiguas, que eran propiedade do home co que ela levaba convivindo 15 anos.

Nas súas declaracións, ningún dos dous recordaba ter relación cos paquetes incautados pola Policía antes de ser enviados a Colombia con obxectos roubados, un deles localizado na vivenda da muller, aínda que ela asegurou que procedía da casa do acusado.

A muller, en prisión provisional desde maio de 2014, si que recoñeceu vender xoias, aínda que alegou que eran "agasallos" dos homes cos que mantiña relacións, "que lle pagaban con diñeiro ou con xoias" , entre eles, un xoieiro de Lugo.

"A min se me fan un agasallo, recíboo. Non pregunto de onde vén", afirmou a acusada, que, segundo ela mesma relatou fíxose parella de feito de FA.P.V. –o outro acusado– a pesar de que, á vez, seguía a relación que mantiña desde fai 15 anos con outro home, que era co que vivía. Tamén recoñeceu traballar "clandestinamente" e en ocasións na prostitución e sinalou que algunhas das xoias que lle atoparon eran o pago dalgún dos seus "amigos" pola súa compañía.

A filla asegurou descoñecer a orixe das xoias que vendía "tal cal llas entregaban e "sen preguntar a súa procedencia", mentres que o home, no cárcere desde que foi extraditado voluntariamente de Colombia en novembro de 2014, negou calquera relación con esas vendas.

Con todo, os investigadores explicaron que o sinal dos teléfonos móbiles dos acusados sitúaos nos arredores dos roubos, non só en Santander, senón noutras cidades do norte de España. En total, relaciónaselles con 164 roubos, a maioría deles co modus operandi de rebentar as fechaduras das vivendas, de onde subtraían obxectos de valor.

Comentarios