"O voluntariado dáche grandes satisfacións e grandes disgustos"

Unha trintena de persoas dormen nas rúas de Lugo

Cada vez son máis novos, teñen estudos e ás veces experiencia laboral. Falta de recursos e rupturas familiares lévanos á indixencia
Patricia Castiñeiras es responsable del programa Sen Teito de Cruz Roja en Lugo
photo_camera Patricia Castiñeiras es responsable del programa Sen Teito de Cruz Roja en Lugo

As festas do Nadal adoitan propiciar xestos de fraternidade, aínda que moitas veces sexan efémeros, e estes días é máis habitual reparar, polo menos de pensamento, nas persoas que non teñen un fogar, nin nestas datas nin no resto do ano. Tamén algúns políticos locais puxeron esta semana o foco nos sen teito, con chamamentos ás autoridades e aos cidadáns a actuar para tratar de corrixir a situación desas persoas e con alertas sobre a posibilidade de que a atención aos transeúntes se puxese en risco debido ao descanso de traballadores municipais. 

Pero, cantas persoas sen fogar hai en Lugo? Pois depende de como se contabilicen. Se se atende exclusivamente ás que dormen na rúa -inclúe caixeiros, soportais ou casas abandonadas-, neste momento son unha trintena, segundo Cruz Vermella, que é a entidade que centraliza a atención a este colectivo. Dispón dun centro de atención continuada, unha especie de centro de día, na Avenida de Madrid, e leva a cabo o seu labor en coordinación con diversas entidades. Cáritas -especialmente as parroquiais-, os traballadores sociais do Concello e a asociación de axuda a enfermos mentais Alume son algunhas.

Con todo, para Cruz Vermella a definición de sen fogar é máis ampla e inclúe a aquelas persoas que teñen unha residencia (unha habitación nunha pensión, nun piso compartido...), pero non de forma moi estable porque a manteñen co que sacan de pedir ou con prestacións sociais que chegado un momento acábanse ou lles resultan insuficientes para custear un teito durante todo o mes. "Fáltalles seguridade na vivenda e habilidades e capacidades para mantela", explica Patricia Castiñeiras, educadora social e responsable do programa Sen Teito de Cruz Vermella, que conta cun segundo educador, Emilio Pérez, e con varios voluntarios.

Patricia Castiñeiras, Educadora social 

Antes eran homes de entre 35 e 50 anos que levaban anos na rúa, agora son novos que se quedaron sen rede

Se se suman os dous grupos, neste momento son unhas 260 ou 270 as persoas que poden considerarse sen fogar e ás que Cruz Vermella botou unha man ao longo do ano. "Ata outubro foron 234 os usuarios atendidos, e con usuarios referímonos ás persoas que acudiron ao centro a recibir algunha das axudas que prestamos, como almorzos, duchas e lavandería, que é o máis solicitado, ademais de información", explica a educadora. 


Castiñeiras considera alta a cifra para o tamaño e o tipo de cidade que é Lugo e ve con preocupación o aumento que se produciu no último ano, con 134 novos usuarios, e o cambio de perfil. "A maioría seguen sendo homes, pero antes a idade habitual era entre 35 e 50 anos, eran persoas sen estudos e sen ningunha rede de apoio, que xeralmente levaban moito tempo na rúa. Agora cada vez hai máis novos, moitos con estudos, incluso universitarios. Proceden de familias desestructuradas ou ás que as crises sumiu en moitos problemas, que ás veces pagan os fillos. Moitas veces o paro leva a unha maior conflitividade no fogar, a que os fillos se cadra non estean tan vixiados e entren en situacións conflitivas, e acaban producíndose rupturas familiares e os mozos ven de súpeto que non teñen de quen tirar", explica Castiñeiras. A franxa de idade dos novos sen teito está entre os 18 e os 38 anos. 

Ruína empresarial, ruptura sentimental, perda dun ser querido, desemprego ou enfermidade adoitan ser outros factores de vulnerabilidade que acaban conducindo á rúa. O habitual é que haxa máis dun.

MÁS RECEPTIVIDADE. A parte positiva é que cos usuarios deste novo perfil, menos cronificado, é máis fácil conseguir resultados, xa que non levan tanto tempo na rúa e non perderon aínda as habilidades sociais, aínda que conseguir a súa volta á normalidade é un camiño longo, lento e que non sempre se consegue, aínda que calquera mellora é un paso. 

Cruz Vermella ofrece no seu centro de acollida desde a cobertura das necesidades máis básicas ata un plan de reinserción personalizado a quen estea disposto a levalo a cabo. De luns a venres, de nove a once da mañá, as persoas sen fogar poden almorzar e lavar e secar a roupa e ata as dúas da tarde poden ducharse. No punto de atención, dous educadores axudan aos usuarios no que necesitan, na medida das posibilidades: axúdanlles a xestionar a pernoctación no albergue municipal, a xestionar e a tramitar documentación e cartón sanitario (Cruz Vermella cobre os gastos, se fai falta, do mesmo xeito que os de medicación e, nalgúns caos, tamén pensións), facilitan vales para o comedor e o roupeiro de Cáritas (se están empadroados deben ir ás parroquias), entréganlles kits de hixiene se o desexan e, sobre todo, infórmanlles, asesoran e acompañan nos pasos necesarios para a reinserción económica e social. Aínda que isto depende moito da vontade.

Comentarios