Unha consultoría para fomentar a exportación gaña o premio IdeaLugo

O certame promovido por El Progreso, USC e Abanca distinguiu outros dous proxectos con accésits
Walter Álvarez, Carmen Silva y Blanca de Cora García Montenegro integraron el jurado
photo_camera Walter Álvarez, Carmen Silva y Blanca de Cora García Montenegro integraron el jurado

O proxecto Tasting Galicia, consultoría de estratexia internacional’ alzouse co premio IdeaLugo ao mellor proxecto empresarial innovador vinculado ao campus de Lugo, que se verá recompensado con 3.000 euros. As autoras da proposta son Vanessa López Mato e Cristina García Conde, que presentaron unha consultoría internacional para favorecer a exportación de produtos da provincia de Lugo facendo de mediadoras entre as empresas locais e os mercados estranxeiros.

O xurado tamén concedeu dous accésits, de 1.000 euros cada un, aos proxectos Deseño dunha planta de reciclaxe de pneumáticos fóra de uso, de María Teresa Serén Río, e Campo de traballo arqueolóxico na Agra dos Castros, de Adrián Pérez Lago.

O xurado do premio estivo composto pola adxunta á presidenta de El Progreso, Blanca de Cora García Montenegro; a vicerreitora de Estudos Universitarios do campus, Carmen Silva e o director territorial de Abanca en Lugo, Walter Álvarez, entidades promotoras da iniciativa.

De Cora Montenegro recordou que o propósito de IdeaLugo é dar a coñecer os traballos realizados por alumnos do campus lucense e manifestou a súa satisfacción pola diversidade e calidade dos traballos que concorreron ao premio.

Pola súa banda, Carmen Silva destacou o feito de que a autoría dos proxectos premiados corresponda sobre todo a mulleres porque "o emprendimento en feminino estase vendo que funciona e que hai ideas sobre a mesa, algunhas interesantes e moi realistas".

Para rematar, Walter Álvarez resaltou que os proxectos "están moi traballados". Da idea gañadora destacou que é unha proposta moi necesaria na provincia de Lugo, onde o tamaño das empresas é pequeno e, por iso, requiren axuda e asesoramento para poder exportar.

Comentarios