A Uned de Lugo foi galardoada con dous premios nacionais en desenvolvemento sostible

Os proxectos premiados consolidan a institución lucense coma un referente en materia de Axenda2030 das Nacións Unidas
Ana Belén Traseira e Carlos García. EP
photo_camera Ana Belén Traseira e Carlos García. EP

O OBSERVATORIO Nacional ODS da Uned vén de fallar os premios ODS na Universidade, resultando galardoados dous proxectos do centro universitario lucense cunha contía de 6000 euros: PlanetaODS 2.0 e FOZ 2030.

As iniciativas premiadas están deseñadas no marco do proxecto #LugoNaturalMente, dirixido por Ana Belén Traseira e Carlos García. Este proxecto arrancou na primavera do ano 2019 cunha tripla misión: a contribución e posta en valor do patrimonio natural da provincia, a loita contra o cambio climático e a divulgación da Axenda2030 da Onu.

As iniciativas premiadas están deseñadas dentro do proxecto #LugoNatural Mente

Dentro da categoría de Centro Asociado, foi galardoada a iniciativa PlanetaODS 2.0 que presentou un extenso programa de iniciativas para a divulgación de efemérides medioambientais, sociais ou de vida saudable aliñadas coa Axenda2030.

A precuela deste proxecto foi un referente de divulgación na provincia de Lugo alcanzando as 50.000 visualizacións na rede.

Planeta ODS 2.0 presenta un programa de efemérides sociais, saudables e do medio ambiente 

Dentro da categoría individual foi distinguido o proxecto FOZ2030. Unha iniciativa para a creación dun estudio de índice ODS que permita elaborar un marco municipal en relación ás metas de desenvolvemento sostible marcadas pola Axenda2030. Unha das fortalezas desta idea é que implica unha aproximación novidosa da universidade á administración municipal lucense e que aspira a ser un modelo replicable noutros concellos da provincia de Lugo.

Así pois, o compromiso social da Uned de Lugo medra día a día, como amosa o fito de que só dentro do proxecto #LugoNaturalMente se formaron máis de 1.500 persoas en 27 actividades vinculadas á Axenda2030, entre cursos, simposios, talleres, exposicións, paseos guiados, concertos, entrevistas, conferencias…

FOZ2030 propón unha novidosa aproximación da universidade á administración local lucense 

Dentro deste proxecto están en marcha novas accións, coma a creación do Lugo Hub Climate- Change, a posta en marcha dunha Consultoría de Axenda 2030 para institucións e empresas, a entrega dos galardóns Embaixador/a #LugoNaturalMente ou a implantación da Oficina Aprendizaxe-Servizo ApS da Uned de Lugo.

Cabe resaltar a internacionalización do proxecto, a través de convenios con universidades estranxeiras, como a Universidade Agraria do Ecuador, coa cal se está deseñando o simposio UNED-UAE 2030, que está previsto que se celebre en novembro deste ano.

 #LugoNatural Mente da o salto internacional a través de convenios con universidades estranxeiras

A Uned e o territorio, unha alianza histórica que debemos seguir regando neste novo marco histórico que nos tocou vivir, a era do desenvolvemento sustentable.

A provincia de Lugo ocupa unha situación privilexiada para consolidarse como un modelo de referencia global de desenvolvemento territorial ao que a Uned de Lugo quere contribuír coma un difusor decisivo de coñecemento co fin de acadar novas metas de benestar e prosperidade para todos os lucenses.